Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 8 - Biblia SEPT


Nacemento e nome simbólico dun fillo do profeta

1 O Señor díxome: "Colle unha táboa grande e escribe nela con buril ordinario: Pronto Botín — Rápido Saqueo".

2 Eu collín como testemuñas a homes de creto: a Urías, o sacerdote, e a Zacarías, fillo de Ieberequías.

3 Logo achegueime á profetisa: ela quedou en cinta e deu a luz un fillo. Entón o Señor díxome: "Chámalle de nome Pronto Botín — Rápido Saqueo,

4 pois antes de que o meniño saiba pronunciar meu pai e miña nai, levará á presenza do rei de Asiria as riquezas de Damasco e o botín de Samaría".


Máis oráculos acerca do Emmanuel

5 Continuou o Señor falándome de novo nestes termos:

6 "Porque este pobo rexeitou as augas de Xilóah que camiñan mansamente, e porque ten a súa alegría con Resín e co fillo de Remalías",

7 velaí que o meu Señor fará subir contra eles, as augas furiosas e crecidas do río Éufrates, (o rei de Asiria e o todo o seu esplendor). Rebordará e arrasará toda a súa ribeira.

8 Inundará Xudá, rebordará, invadirá e chegará ata o pescozo. A extensión dos seus regatos encherá toda a túa terra, Emmanuel.

9 Asociádevos, pobos; ides ser confundidos; facede por escoitalo, todos os confíns da terra: Cinguídevos as armas, que seredes confundidos.

10 Trazade un plan, e será esnaquizado; falade o asunto, e non se manterá; pois connosco está Deus.


O Señor é o verdadeiro conspirador e pedra onde o pobo tropeza

11 Así dixo o Señor, cando me colleu da man e me apartou do vieiro deste pobo:

12 "Non chamedes conspiración a todo o que este pobo chama conspiración; non temades o que el teme, nin lle teñades medo".

13 O Señor dos Exércitos, El é o Conspirador, El será a causa do voso temor e do voso medo:

14 converterase, para as dúas casas de Israel, no Conspirador, na pedra de tropezo, na pedra que fai caer, en lazo e trampa para os habitantes de Xerusalén.

15 Si, moitos deles tropezarán nelas, tropezarán moitos, caerán e esnaquizaranse, quedarán atrapados e presos.


A palabra profética, testemuño perpetuo

16 Envolvo o rolo da exhortación xunto cos meus discípulos, selo o ensino.

17 Despois espero no Señor, que esconde da casa de Xacob a súa cara. Agardo por El.

18 Velaí: eu e mais os fillos que o Señor me deu servimos de sinais e presaxios en Israel, de parte do Señor dos Exércitos, que reside no monte Sión.

19 E cando vos digan: "Consultade os nigromantes e os adiviños que rosman e murmuran: Non pode un pobo consultar os seus deuses e os mortos en favor dos vivos?".

20 Velaí a exhortación! Velaí o ensino! Esta é a palabra coa que se lles ha de responder, e que non ten forza máxica.

21 Un atravesa o país deprimido e famento; cando lle dá fame, desespérase. Empeza a maldicir o seu rei e o seu Deus; volve a cara para o alto,

22 e olla para a terra: todo, angustia e escuridade, negrura, opresión, e profunda escuridade espallada por todo.

23 Pero non hai escuridade para o que foi afirmado. así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.

Lean sinn:



Sanasan