Isaías 66 - Biblia SEPTSegundo despregue apocalíptico: o Señor desde o seu trono celeste olla para os que tremen ante as súas palabras 1 Así fala o Señor: "O ceo é o meu trono e a terra é o estrado dos meus pés. Cal é a casa que me ides construír? Cal é o lugar do meu descanso? 2 Si, todas estas cousas fíxoas a miña man. Aí están todas elas! é o Señor quen fala. Pero hei de ollar por este, polo pobre, polo abatido de espírito e que treme ante as miñas palabras". Xuízo de castigo contra os idólatras 3 Sacrifícase un touro e tamén se mata a un home, sacrifícase un año e tamén se descroca un can. Presentase en ofrenda o sangue de porco, faise unha lembranza con incenso e tamén se bendí un ídolo. Certo que eles escolleron os seus vieiros, e o seu gusto compraceuse nas abominacións. 4 Certo que eu escollerei os malos tratos para eles, e traereilles terrores para eles, porque chamei e ninguén respondeu, falei e non fixeron caso, senón que fixeron o mal ós meus ollos, e escolleron o que non me gusta. Sión dá a luz un pobo nun só día 5 Escoitade a palabra do Señor, os que tremedes coa súa palabra. Os vosos irmáns que vos aborrecen e que vos rexeitan por causa do meu nome dixeron: "Que o Señor mostre a súa gloria para que vexamos a vosa ledicia", pero eles quedarán avergonzados. 6 Berros de tumulto saen da cidade, berros saen do templo. Berros! O Señor estalles pagando a débeda ós seus inimigos. 7 Antes de se retorcer de dor, deu a luz, antes de que lle chegasen as dores do parto, deu a luz un home. 8 Quen oíu cousa como esta? Quen viu cousas como estas? Párese unha cidade nun só día? Dáse a luz un pobo dunha soa vez? Sión, si que estivo de parto, certo que deu a luz os seus fillos! 9 Vou eu facer abrir a matriz e non vou facer que paira? —fala o Señor—. Eu, o que fai parir, vou pechar a matriz? —fala o teu Deus—. As glorias e bendicións de Xerusalén 10 Alegrádevos con Xerusalén, e brincade de ledicia por ela, todos os que a amades. Exultade con xúbilo con ela todos os que vos enloitastes por causa dela, 11 porque mamaredes e fartarédesvos do peito das súas consolacións, porque zugaredes e gozaredes do seo da súa riqueza. 12 Porque así fala o Señor: "Ollade que eu estendo ata ela a fartura coma un río, si, coma un río desbordado a riqueza das nacións. Vós mamaredes, no colo seredes levados, sobre os xeonllos seredes aloumiñados. 13 Coma un neno, a quen súa nai consola, así vos consolarei eu. Si, en Xerusalén seredes consolados. 14 Entón veredes que se alegra o voso corazón e que os vosos ósos florecen coma un campo". A man do Señor daráselles a coñecer ós seus servos e o noxo do Señor daráselles a coñecer ós seus inimigos. Terceiro despregue apocalíptico: xuízo de castigo divino contra os idólatras 15 Pois velaí o Señor, chega coma o lume, e os seus carros coma o furacán, para converter a súa ira en furia e o seu noxo en chamas de lume. 16 En verdade o Señor móstrase xusto xuíz respecto de toda carne co lume e coa espada e multiplicaranse os abatidos polo Señor, 17 os que se santifican e se purifican (indo) ós xardíns detrás dun que está no medio, comen carne de porco, animais abominables e ratos, as súas obras e os seus plans perecerán a unha —é o Señor quen fala—. As nacións pagás serán as testemuñas e os pregoeiros da gloria do Señor 18 Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria. 19 Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións: a Tárxix, a Pul e a Lud, ós que tensan o arco, a Tubal e a Iaván, ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria. Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. 20 Eles traerán a todos os seus irmáns coma ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén —dío o Señor—, así como os fillos de Israel traen ó templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas. 21 Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas —dío o Señor—. No novo mundo todos se prostrarán na presenza do Señor 22 Así, o mesmo que o ceo novo e a terra nova que vou crear permanecerán na miña presenza —é o Señor quen fala—, así permanecerá a vosa descendencia e o voso nome. 23 Resultará que desde a lúa nova ata a outra lúa nova e desde o sábado ata outro sábado, virá todo o mundo prostarse na miña presenza —dío o Señor—. 24 Eles sairán e verán nos cadáveres dos homes que se rebelaron contra min que o seu verme non morre e que o seu lume non se apaga, e serán o noxo de todo o mundo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)