Isaías 65 - Biblia SEPTPrimeiro despregue apocalíptico: resposta oracular á oración: acusación e anuncio xeral de castigo 1 Eu deixei que me buscasen os que non me consultaban, (e) deixei que me atopasen os que non me procuraban. Díxenlle a unha nación que non se chamaba co meu nome: "Aquí estou!" "Aquí estou!". 2 Boteille unha man todo o tempo a un pobo rebelde, ós que camiñaban por un vieiro non bo, seguindo os seus propios plans, 3 o pobo que me provocaba continuamente ante a miña presenza, ofrecendo sacrificios nos xardíns e queimando incenso sobre os ladrillos; 4 viven nas sepulturas e pasan a noite nas covas, comen carne de porco e talladas de carnes abominables nos seus pratos. 5 Din: "Arreda, non me toques, que te podería consagrar". Estas cousas son fume nos meus narices, lume que arde todo o tempo. 6 Velaí: isto está escrito na miña presenza. Non podo calar, senón que lles teño que botar a paga na abada do seu manto, 7 As súas abominacións e as abominacións dos seus pais, todo xunto —fala o Señor—, porque queimaron incenso no cume dos montes e aldraxáronme nos outeiros. Si, botareilles na abada do manto a paga do seu pasado. Do castigo quedará un resto, portador das bendicións 8 Así fala o Señor: "O mesmo que se atopa mosto no acio, e se di: non o destrúas, que hai bendición dentro del, así farei cos meus servos: non os destruirei a todos. 9 Farei saír de Xacob descendencia e de Xudá (farei saír) o herdeiro dos meus montes: os meus elixidos herdarán isto e os meus servos morarán alí. 10 O Sarón será o pasteiro do rabaño, e o val de Acor será o curral do gando, para o meu pobo, que me buscou". 11 Pero vós sodes os que abandonades o Señor, os que vos esquecedes do monte do meu santuario, os que preparades a mesa para (ir a) Gad, os que enchedes a bota de viño mesturado para (ir a) Mení. 12 Pois eu destínovos para a espada e todos vós caeredes na matanza, porque eu clamei e vós non respondestes, eu falei e vós non fixestes caso, senón que fixestes o mal ós meus ollos e escollestes o que non me gustaba. 13 Por isto, así fala o Señor Iavé: "Velaí os meus servos: eles comerán e vós pasaredes fame. Velaí os meus servos: eles beberán e vós pasaredes sede. Velaí os meus servos: eles alegraranse e vós avergonzarédesvos. 14 Velaí os meus servos: eles exultarán con corazón ledo, e vós clamaredes con corazón triste e con espírito esnaquizado lamentarédesvos. 15 Deixarédeslles o voso nome ós meus elixidos para un xuramento: Que o Señor Iavé te faga morrer!, e chamarán ós meus servos cun nome diferente". Os elixidos do Deus Amén, no mundo novo escatolóxico 16 O que queira ser bendito coa felicidade na terra, ha de ser bendito polo Deus Amén. E o que queira facer un xuramento na terra, ha de xurar polo Deus Amén. Si, que se esquezan das aflicións pasadas, e certamente estarán escondidas da miña percepción. 17 Pois velaí: eu creo ceos novos e terra nova, e non serán lembradas as cousas vellas, nin pasarán á consideración de ninguén, 18 senón que: exultade e brincade de ledicia para sempre, coa felicidade que eu creo, pois eu creo Xerusalén: "A Exultación"; e o seu pobo: "A Ledicia". 19 E eu brincarei de ledicia por Xerusalén, e exultarei pola miña cidade, e non se volverá a oír nela ruído de choros nin ruído de berros. 20 Non volverá a nacer nela meniño falto de días nin vello que non os cumpra de cheo, senón que o que morra ós cen anos será un rapaz, e o que consiga os cen anos será un maldito. 21 Construirán casas e habitaranas e plantarán viñas e comerán os seus froitos. 22 Non construirán para que outro habite, nin plantarán para que outro coma, senón que os días do meu pobo serán coma os días dunha árbore, e os meus elixidos gozarán da obra das súas mans. 23 Non se fatigarán en van, nin darán a luz para calamidade, pois eles son a raza dos benditos do Señor, e os seus descendentes serán coma eles. 24 Aínda antes de que chamen, eu respondereilles; mentres eles volven falar, eu xa lles farei caso. 25 O lobo e o año pacerán xuntos, e o león comerá palla coma o boi, pero a serpente terá de comida o po. Non farán mal nin provocarán matanza en todo o meu santo monte —dío o Señor—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)