Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 63 - Biblia SEPT


APOCALIPSE FINAL Castigo das nacións, tipificadas en Edom

1 "Quen é este que chega de Edom, de Bosrah con vestidos tinxidos de vermello? Quen é este que está adornado cos seus vestidos, cangado co peso do seu moito poder?" "Eu, que falo da xustiza, que son Señor para salvar".

2 "Por que está vermella a túa roupa e os teus vestidos coma os do que pisa no lagar?"

3 "Eu só pisei na pía e non houbo do meu pobo quen estivese comigo. Si, piseinos coa miña ira e esmagueinos coa miña furia. E o zume deles salpicou as miñas roupas e lixou todos os meus vestidos.

4 Velaí o día da vinganza: está no meu corazón e o ano do meu desquite xa chegou.

5 Si, mirei con atención e non houbo quen axudase, asombreime de que non houbese quen apoiase, pero o meu brazo salvoume, a miña furia foi a que me apoiou.

6 Esmaguei os pobos coa miña ira,e emborracheinos coa miña furia, fixen baixar á terra o seu propio zume".


Grande súplica a Deus Pai pola restauración de Xudá

7 Voume lembrar dos favores do Señor, das loanzas do Señor: Velaí toda a débeda que nos pagou o Señor, si, un montón de bens para a casa de Xacob, que El nos concedeu segundo a súa misericordia, segundo a abundancia dos seus favores.

8 El dixo: "Si, son o meu pobo, os fillos que non traizoan", e convertéuselles no seu Salvador

9 en calquera angustia. Non houbo mensaxeiro nin enviado: a súa presenza salvounos: polo seu amor e a súa compaixón redimiunos, si, levantounos e levounos enriba de si en todas as épocas pasadas.

10 Pero eles rebeláronse e entristeceron o seu Espírito Santo, que se volveu inimigo deles, facéndolles a guerra.

11 Pero o seu pobo lembrouse das épocas pasadas, de Moisés. Onde está o que os fixo subir do mar xunto co pastor do seu rabaño? Onde está o que puxo no interior do peso o seu Santo Espírito?

12 O que fixo avanzar o seu glorioso brazo por medio da destra de Moisés, o que partiu as augas diante deles, construíndose para si un renome eterno.

13 O que os fixo camiñar polos abismos, coma cabalos polo deserto, sen tropezar.

14 Como baixa o gando para o val, así o Espírito do Señor nos fixo descansar. Así, conduciches o teu pobo, construíndote para ti un renome glorioso.

15 Olla atentamente desde o ceo e mira desde a túa santa e gloriosa morada. Onde está o teu poderoso celo, o conmoverse das túas entrañas? Onde está a túa compaixón, meu Deus, que se viu coaccionada?

16 Pois ti es o noso Pai. Certamente Abraham non nos recoñece, nin Israel nos entende, (pero) ti, Señor, es o noso Pai, o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.

17 Por que, Señor, nos deixaches extraviar lonxe dos teus vieiros, e fixeches endurecer o noso corazón apartándose do teu respecto? Cambia de actitude por amor dos teus servos, por amor das tribos da túa herdanza!

18 Por que unha banda de mozos se apoderou da cidade do teu santuario? Por que os nosos opresores esmagaron o teu santuario?

19 Fomos desde hai tempo xente na que ti non mandaches, (e) sobre os que non se invocou o teu nome. Ai, se rachares o ceo (e) baixases! Coa túa presenza rebulirían os montes,

Lean sinn:



Sanasan