Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 62 - Biblia SEPT


Canto ó restablecemento da alianza de Deus con Sión

1 Por Sión non quedarei en silencio, e por Xerusalén non ficarei quedo, ata que a súa xustiza saia como un resplandor e a súa salvación alume coma unha lámpada.

2 Os pobos verán a túa xustiza e todos os reis a túa gloria, chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.

3 Serás coroa preciosa na man do Señor e turbante rexio na palma da man do teu Deus.

4 Non se che volverá chamar "Abandonada", nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína", senón que a ti se che chamará "Ti es o meu amor" e á túa cidade se lle chamará "A casada". Si, o amor do Señor estará en ti, e a túa cidade casará.

5 Como casa un mozo cunha virxe, así casará contigo o teu Construtor. O gozo que sente o noivo pola noiva, sentirao o teu Deus por ti.

6 Sobre as túas murallas, Xerusalén, fixen poñer vixiantes, que durante todo o día e durante toda a noite, non estarán calados un momento, son os que fan que o Señor se lembre, e non descansan no voso favor.

7 Si, non o deixaredes descansar ata que cree, si, ata que converta a Xerusalén na loanza do mundo.

8 O Señor xurou pola súa destra e polo seu poderoso brazo: "Certo que os fillos do estranxeiro non beberán o teu viño novo polo que ti te fatigaches,

9 senón que os que recollen o gran comerano e loarán o Señor, e os que vendimen beberán o viño nos adros do meu santuario".

10 Cruzade e cruzade polas portas, achanzade o camiño da cidade, amontoade, amontoade terra para o camiño, lousádeo con laxes, erguede a bandeira para os pobos:

11 Velaí o Señor que se fai oír ata o cabo do mundo. "Dicídelle á filla de Sión: Velaí chega o teu Salvador. Velaí a súa paga con El, e a súa recompensa diante del".

12 Entón chamaráselles: "Pobo santo", "Os redimidos do Señor", e a ti chamaráseche "Buscada", "Cidade non abandonada".

Lean sinn:



Sanasan