Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 61 - Biblia SEPT


O profeta, portador da boa nova da restauración e do universalismo salvífico

1 O Espírito do Señor, Iavé, está sobre min, porque o Señor me unxiu. Mándame anunciar a boa nova ós pobres, curar os de corazón esnaquizado, proclamarlles ós cativos a liberdade e ós presos que abran os ollos,

2 para proclamar un ano de graza do Señor e o día do rescate do noso Deus, para consolar os entristecidos,

3 para agasallar os tristes por Sión, para darlles xoias en vez de po, perfume de ledicia en vez de loito, vestido de festa en vez de espírito amoucado. Chamaráselles terebintos da lexitimidade, plantío do Señor para mostrar a súa gloria.

4 Reconstruirán as ruínas antigas e levantarán os entullos doutro tempo, renovarán cidades en ruínas, entullos de xeracións e xeracións.

5 Presentaranse estranxeiros e pastorearán os vosos rabaños e os fillos do estranxeiro serán os vosos xornaleiros e viñateiros.

6 Pero vós seredes chamados sacerdotes do Señor, dirásevos servidores do noso Deus. Comeredes os bens dos pobos e coas súas riquezas fortalecerédesvos.

7 A cidade nova está amedrentada pola vosa vergonza, e o conxunto deles refúxiase na aldraxe. (Pero) certo que a cidade nova posuirá a súa terra, e haberá para eles ledicia perpetua.

8 Pois eu son o Señor, que amo a xustiza, (e) aborrezo o roubo malvado: Si, eu dareilles a súa recompensa lealmente e pactarei con eles unha alianza eterna.

9 Será recoñecida entre os pobos a descendencia deles e os seus xermolos no medio das nacións. Todos os que os vexan recoñeceranos, pois eles son a descendencia que o Señor bendiciu.

10 Exultarei ledo polo Señor, e a miña alma brincará de xúbilo polo meu Deus, xa que me fixo vestir roupas da salvación e envolveume co manto da xustiza, coma o noivo que veste solemnemente o turbante, e coma a noiva que se adorna coas súas xoias.

11 Pois, como a terra fai saír os seus gromos, e como un horto fai brotar as súas sementeiras, así o Señor Iavé fará brotar a xustiza, e a loanza ante todos os pobos.

Lean sinn:



Sanasan