Isaías 60 - Biblia SEPTA glorificación escatolóxica de Xerusalén 1 Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou; si, a gloria do Señor resplandece sobre ti. 2 Pois, olla, a escuridade encobre a terra e a negrura os pobos, pero sobre ti resplandece o Señor e a súa gloria faise ver sobre ti. 3 Certo que os pobos camiñarán coa túa luz e os reis co resplandor do teu alborexar. 4 Levanta os teus ollos arredor, todos estes xuntáronse, viñeron a ti. Os teus fillos veñen de lonxe e as túas fillas son traídas no colo. 5 Entón, cando o vexas, estarás radiante e o teu corazón latexará e ensanchará, pois as riquezas do mar traeránseche a ti e os bens dos pobos virán para ti. 6 Estarás cuberta dunha chea de camelos, de dromedarios novos de Madián e de Efah. Todos eles virán de Sabá. Virán cargados de ouro e incenso, e proclamarán ledos a loanza do Señor. 7 Todos os rabaños de Quedar xuntaranse en ti, os castróns de Nebaiot estarán ó teu servizo, subirán ó meu altar por amor, e eu glorificarei o meu prezado templo. 8 Quen son estes que voan como unha nube, si, coma pombas cara ós seus pombais? 9 Certamente, xuntaranse onda min as nacións costeiras e os barcos de Tárxix estarán á cabeza, para traeren de lonxe os teus fillos, (e) a súa prata e o seu ouro con eles, para o Nome do Señor, o teu Deus, e para o Santo de Israel, que en verdade te enche de gloria. 10 Os fillos do estranxeiro reconstruirán as túas murallas, e os seus reis estarán ó teu servizo, pois pola miña ira castigueite, pero polo meu amor tiven compaixón de ti. 11 As túas portas estarán sempre abertas, non se pecharán nin de día nin de noite, para que che traian as riquezas dos pobos, traídas polos seus reis. 12 Porque o pobo e o reino que non te sirvan a ti perecerán, e os pobos serán totalmente arrasados. 13 A riqueza do Líbano virá a ti, o ciprés, o amieiro e o buxo xuntos, para adornar o lugar do meu santuario, o lugar onde eu piso cos meus pés. 14 Virán prostarse ante ti os fillos dos que te oprimiron, e prostaranse ante a planta dos teus pés todos os que te desprezaron, e chamaranche "Cidade do Señor", "Sión do Santo de Israel". 15 En vez de estares abandonado, aborrecido, e sen xente que por ti pase, convertereite en esplendor eterno, en causa de gozo por xeracións e xeracións. 16 Mamarar o leite dos pobos e do peito dos reis mamarás, entón recoñecerás que eu son o Señor, o teu Salvador, si, o teu Redentor, o Forte de Xacob. 17 En vez de bronce traereiche ouro; e en vez de ferro traereiche prata; en vez de madeira, bronce; e en vez de pedras, ferro. Converterei a Paz no teu inspector e a Xustiza no teu rexedor. 18 Non se volverá a oír falar de violencia no teu país, nin de saqueo e de arraso dentro dos teus confíns. "Salvación" será o nome dos teus muros e o das túas portas "Loanza". 19 Non che volverá a servir o sol de luz durante o día, nin te alumará o resplandor da lúa, senón que o Señor será a túa luz eterna e o teu Deus será a túa luminosa gloria. 20 Non se volverá a pór o teu Sol e a túa Lúa non desaparecerá. Si, o Señor será a túa luz eterna e acabaranse os días do teu loito. 21 Todos os do teu pobo serán xustos e posuirán a terra eternamente, (serás) xermolo dos seus plantíos, obra das súas mans para que se mostre a súa gloria. 22 O máis pequeno volverase un millar, e o máis miúdo, un pobo poderoso. Eu, Iavé, dareime présa para realizalo ó seu tempo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)