Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 6 - Biblia SEPT


LIBRO DO EMMANUEL (6-12) Relato de teofanía vocacional

1 O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.

2 De pé na súa presenza estaban dous serafíns; cada un tiña seis ás: con dúas tapaban a cara; coas outras dúas, os pés; e coas outras dúas voaban.

3 Exclamaban un cara ó outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".

4 Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.

5 Eu dixen: "Ai de min! Estou perdido! Pois sendo un home de labios lixados, e que vive entre un pobo de labios lixados, vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".

6 Entón un dos serafíns voou onda min; tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

7 e achegouna á miña boca, dicíndome: "Olla: isto tocou os teus labios, a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".

8 Entón escoitei a voz do Señor que dicía: "A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?". Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

9 Respondeume: "Vai e dille a ese pobo: Escoitade atentamente, que non entenderedes. Ollade con todo o xeito, que non comprenderedes.

10 Entulla o corazón deste pobo, endurécelle os oídos, cégalle coa luz os ollos; que non vexa cos seus ollos, nin escoite cos seus oídos, que o seu corazón non comprenda e non se arrepinta e o cure".

11 Entón eu pregunteille: "Ata que día, Señor?". Respondeume: "Ata que se volvan desoladas as cidades por falta de habitantes e as casas por falta de homes, e a terra se arruíne e quede despoboada.

12 Desterrará o Señor ó home e os ermos aumentarán no medio do país.

13 E se aínda queda nel a décima parte, volverá a ser leña para o lume. O mesmo que ó cortar a aciñeira e o carballo se lles deixa o coto, así o coto do pobo será semente santa.

Lean sinn:



Sanasan