Isaías 59 - Biblia SEPTO pecado impide a chegada da Salvación, que virá certamente 1 Velaí a man do Señor: non é tan curta que non poida salvar, nin o seu oído tan duro que non oia, 2 senón que as vosas iniquidades foron as que vos separaron do voso Deus, e os vosos pecados tapáronlle a cara para non vos escoitar. 3 Certamente as palmas das vosas mans están lixadas de sangue vertido, e os vosos labios falan mentiras e a vosa lingua murmura maldades. 4 Non hai quen clame pola xustiza, nin hai quen sexa xulgado con verdade, confíase no caos e fálase a falsidade; estase preñado de ruindade e párese a maldade. 5 Chocan ovos de víbora e tecen teas de araña: quen come eses ovos morre, e quen creba un deses ovos choca unha víbora. 6 As súas teas non serven para vestidos, pois non tapan os seus feitos: os seus feitos son traballos da maldade, e obra da violencia hai nas súas mans. 7 Os seus pés corren para o mal, e apuran para verter sangue inocente. Os seus plans son plans de maldade, nos seus vieiros hai saqueo e arraso. 8 O camiño da paz non o coñecen e nos seus vieiros non hai xustiza, torcen as súas vereas para o seu proveito, todos corren a onde non se coñece a paz. 9 Por isto a xustiza afastouse de nós, e a moralidade non nos alcanzou. Esperamos a luz e velaí a escuridade, esperamos o esplendor e camiñamos nas tebras. 10 Andamos coma cegos apalpando a parede, si, coma o que non ten ollos andamos apalpando. Tropezamos ó mediodía coma na escuridade, estando entre os sans coma estando entre mortos. 11 Todos nós bruamos coma osos, coma pombas arrolamos. Esperamos a xustiza e non a hai, esperamos a moralidade e afastouse de nós. 12 Si, multiplicamos diante de ti as nosas rebeldías, e os nosos pecados que testemuñan contra nós, porque as nosas rebeldías están connosco e as nosas iniquidades coñecémolas: 13 Rebelarse, renegar do Señor, retirarnos de seguir ó noso Deus, falar da opresión e da apostasía, estar preñado de maldade e rosmar no corazón palabras mentireiras. 14 A xustiza foi rexeitada para atrás, e a moralidade está de pé lonxe, pois a xustiza tropezou na praza e a rectitude non é capaz de entrar, 15 e a fidelidade está faltando e o que se retira da maldade está sendo saqueado. O Señor viuno e pareceulle mal que non houbese xustiza. 16 Viu que non había ningún, e admirouse de que ninguén intercedese, pero foi o brazo do Señor quen o salvou, e a súa xustiza foi quen o asistiu, 17 pois revestiuse de xustiza ó xeito de coiraza e a salvación foi o casco da súa cabeza; puxo de vestido as roupas da vinganza e cubriuse de celo coma mantón. 18 Segundo a débeda dos feitos, así impoñerei o castigo pola débeda: noxo para os seus adversarios, represalias para os seus inimigos, as nacións costeiras castigaraas coa represalia. 19 Desde o occidente respectarán o Nome do Señor, e desde o nacente do sol a súa gloria, pois virá como río apertado, que dirixe o Espírito do Señor. 20 Virá para rescatar Sión, e mais os de Xacob que se convertan da súa rebeldía —oráculo do Señor—. 21 Olládeme aquí: esta é a miña Alianza convosco —fala o Señor—: o meu Espírito está sobre ti, e as miñas palabras, que roxen na túa boca, non desaparecerán da túa boca nin da boca da túa descendencia nin da boca da descendencia da túa descendencia, desde agora e para sempre —fala o Señor—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)