Isaías 58 - Biblia SEPTO xaxún que ó Señor lle gusta 1 Clama coa túa gorxa, non pares, levanta a túa voz coma unha trompeta. Denúncialle ó meu pobo a súa rebeldía, e á casa de Xacob os seus pecados. 2 Día tras día búscanme a min e comprácense no coñecemento dos meus vieiros, coma se fosen un pobo que practicase a xustiza e non abandonase a lei do seu Deus. Pregúntanme polos preceptos da xustiza e comprácense coa proximidade de Deus. 3 Por que xaxuamos, se ti non o ves? Por que afliximos a nosa gorxa, se ti non te decatas? Velaí: no día do voso xaxún atopades o voso negocio, e oprimides os vosos traballadores. 4 Velaí: xaxuades para a querela e para a disputa, si, para darlle pancadas ó malvado. Non xaxuedes coma hoxe, para facer oír no ceo a vosa voz. 5 É acaso coma este o xaxún que eu quero no día en que o home aflixe a súa gorxa, dobra a súa cabeza coma un xunco e estende saco e cinsa para se deitar? A isto chamas xaxún e día agradable para o Señor? 6 Non é estoutro o xaxún que eu quero? Romper as cadeas inxustas, deslear as sogas do xugo, mandar libres os oprimidos e romper todo xugo. 7 Non é acaso repartir o teu pan co famento e acoller na túa casa os pobres sen pobo? Cando vexas o espido, vísteo e non te escondas da túa propia carne. 8 Entón resplandecerá a túa luz coma a alba e a carne nova da túa ferida brotará logo. Si, a túa xustiza camiñará diante de ti e a gloria do Señor pechará a marcha. 9 Entón clamarás ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou". Se apartas do medio de ti o xugo, o sinalar co dedo e a palabra mala, 10 se lle quitas ó famento a gana que ti sentes, e fartar a gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía. 11 E o Señor conducirache constantemente e fartará a túa gorxa nas sequidades, fortalecerá os teus ósos e serás coma un horto ben regado. Si, como un manancial de augas que non deixan de manar. 12 Reconstruiranse contigo as ruínas eternas, e ti erguerás os alicerces de xeracións e xeracións, a ti chamaráseche "Albanel de gretas", "Restaurador das vereas da antigüidade". 13 Se apartas o teu pé do sábado, de faceres o que ti queres no meu día santo, se lle chamas ó sábado: "Delicia"; ó día santo do Señor: "Venerable", e se o veneras, deixando de facer as túas viaxes, de atopar os teus negocios e de tratar os teus asuntos, 14 entón atoparás o teu pracer no Señor e eu fareite montar a cabalo das alturas da terra, e dareiche a comer a herdanza de Xacob, teu pai. Si, falou a boca do Señor! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)