Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 57 - Biblia SEPT

1 O xusto perece e non hai un que o considere. Si, os homes de ben desaparecen, sen ninguén que o note. Cando o xusto desaparece da presenza do malvado,

2 chégalle a paz. Que descanse nos seus lugares de repouso, pois cada un deles camiñou dereito polo seu camiño!


Contra as prácticas idolátricas

3 Eh, vós, achegádevos aquí, fillos da adiviña! Raza adúltera, como te prostitúes!

4 De quen vos burlades? A quen lle abrides a boca, (e) lle sacades a lingua? Acaso non sodes vós, fillos da rebeldía, descendencia da mentira?

5 Vós, que vos excitades sexualmente entre os terebintos, debaixo de toda árbore enramada, que degolades os fillos nos regueiros, debaixo das fendeduras dos penedos.

6 Os coios do río son o teu quiñón, eles mesmos son a túa sorte, tamén sobre eles vertiches a libación e presentaches a ofrenda. Voume consolar eu con estas cousas?

7 Sobre o monte alto e levantado puxeches o teu leito, tamén alí subiches para ofrecer o sacrificio.

8 Si, detrás da porta e do marco puxeches o teu memorial, pois mil veces te espiches e subiches ó teu leito para anchealo. Si, fixeches con eles un pacto, amaches os seus leitos, viches as súas vergonzas.

9 Ti marchaches onda Mélec co teu aceite, aumentaches os teus perfumes, mandaches os teus mensaxeiros ata moi lonxe, fixéchelos baixar ata o Xeol.

10 Co teu longo camiño cansaches, (pero) non dixeches: "Isto é desesperante". (Logo) atopaches a vitalidade do teu sexo, por isto non estabas enfermo.

11 De quen amedrentaches e temiches, por lle seres desleal? Porque de min non te lembraches, nin sequera en min pensaches! Acaso non foi porque estiven en silencio, si, desde sempre, e por isto non me respectaches?

12 Eu farei ver atúa xustiza e as túas obras, que non che axudarán.

13 Cando ti clames para que te salven os que se xuntaron ó teu lado, a todos eles levaraos o vento, un sopro arrebataraos. Pero quen confíe en min herdará a cidade e posuirá o meu monte santo.


A salvación para os humildes e abatidos

14 (O Señor) di: "Amontoade, amontoade terra, achanzade o camiño, levantade os atrancos do camiño do meu pobo".

15 Porque así fala o Altísimo, o Excelso, o que reside na sala do seu trono, que ten de Nome o Santo: "Eu resido no templo celeste, (pero) tamén co humillado e co de espírito abatido, para reanimar o espírito dos abatidos, e para revitalizar o corazón dos humillados.

16 Certo que non me querelarei sempre, nin estarei enfadado constantemente, senón o espírito languidecería lonxe da miña presenza e os viventes que eu creei.

17 Alporiceime pola iniquidade da súa cobiza e castigueino escondéndome no meu noxo,

18 eu observaba o seu comportamento e el, rebelde, seguía no comportamento do seu corazón. Pero curareino e dareille descanso, enchereino de consolacións, e para os seus enloitados

19 crearei un canto de loanza: Paz, paz, para os de lonxe e mais para os de cerca —fala o Señor—, si, curareino".

20 Pero os malvados serán coma o mar axitado, que non é capaz de estar quedo, con augas que botan lama e lodo.

21 "Para os malvados —fala o meu Deus— non haberá paz".

Lean sinn:



Sanasan