Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 56 - Biblia SEPT


TRITOISAÍAS (III Is) A fidelidade ó sábado e á Alianza acercan a salvación

1 Así fala o Señor: cumpride o dereito e practicade a xustiza, que a miña salvación está próxima a chegar e a miña xustiza (está próxima) a mostrarse.

2 Benaventurado o home que cumpra isto e o fillo de Adam que se manteña nisto firme, gardando o sábado sen profanalo e gardando a súa man de facer calquera maldade.

3 Que o fillo de estranxeiro que se apega ó Señor non fale nestes termos: "O Señor apártame totalmente do seu pobo". Que o eunuco tampouco diga: "Son a penas unha árbore seca".

4 Porque así fala o Señor: Os eunucos que gardan os meus sábados, e elixen o que a min me gusta e que se manteñen firmes na miña Alianza,

5 dareilles no meu templo e dentro dos meus muros ración de comida e renome, mellor do que fillos e fillas. Dareilles un nome eterno que non desaparecerá.

6 E ós fillos de estranxeiro que se apegan ó Señor, servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos, a todo o que garde o sábado sen profanalo e ós que se manteñan firmes na miña Alianza,

7 traereinos ó meu monte santo e alegrareinos na miña casa de oración. Os seus holocaustos e os seus sacrificios servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar. Pois o meu templo chamarase casa de oración para todos os pobos.


A crise da volta do desterro

8 Así fala o Señor, Iavé, quen reúne ós dispersados de Israel: "Volverei congregar arredor de Israel ós que se lle xunten".

9 Todas as súas feras do campo, vinde comer, todas as súas feras do bosque.

10 Os seus vixías están todos eles cegos, non coñecen, todos eles son cans mudos, non son capaces de ladrar, dormen, déitanse, son amigos de sestear.

11 Velaí os cans de poderosa gorxa, que non se saben fartar. Velaí os pastores que non saben distinguir: Todos eles van polo seu vieiro, cada un tras da súa ganancia sen límite.

12 Vinde, que eu collo o viño, e emborrachémonos de licor, que mañá será coma hoxe, abundancia moito maior.

Lean sinn:



Sanasan