Isaías 55 - Biblia SEPTC) Restauración espiritual: a alianza eterna e o mesianismo universal 1 Oh, sedentos todos, vinde por auga! Os que non tedes prata, vinde, comprade comida e comede, vinde e comprade comida; sen prata e sen diñeiro (comprade) viño e leite. 2 Porque cambiades prata polo que non é pan e o voso xornal polo que non farta. Escoitádeme ben: comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa. 3 Baixade o oído e vinde onda min, facédeme caso e revivirán as vosas ilusións, pois pactarei convosco unha alianza eterna, os beneficios de David que se manteñen firmes. 4 Velaí: fareino pregoeiro das nacións, príncipe e lexislador das nacións. 5 Convocarás un pobo que non coñeces, e un pobo que non te coñece correrá onda ti, polo Señor, o teu Deus, e polo santo de Israel, que tanto te glorificou! 6 Buscade o Señor mentres se deixa atopar, invocádeo mentres está cerca. 7 Que o malvado deixe o seu vieiro, e que o home pecador (deixe) os seus plans, que se volva ó Señor para que teña misericordia del, que (se volva) ó noso Deus que tanto engrandece ó perdoar! 8 Pois si, os meus plans non son os vosos plans, nin os vosos vieiros son os meus vieiros —é o Señor quen fala—. 9 Canto máis altos son os ceos cá terra! Así son máis altos os meus plans cós vosos plans, e os meus vieiros do que os vosos vieiros. Conclusión de II Isaías 10 Velaí: como a chuvia e a neve baixan do ceo e non volven alá sen enchoupar a terra, fecundala e facela brotar, para que lle dea semente ó que sementou e pan ó que come, 11 Así tamén será a miña palabra que sae da miña boca: non volverá a min en van, senón que fará o que eu queira, e conseguirá aquilo para o que a mandei. 12 Si, sairedes con ledicia e seredes traídos con fartura, os montes e os outeiros estalarán de xúbilo na vosa presenza, e todas as árbores do campo baterán as palmas. 13 En vez de silvas medrará o ciprés, en vez de estrugas medrará o buxo, e isto serviralle ó Señor de renome, de sinal eterno que non desaparecerá. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)