Isaías 54 - Biblia SEPTRestauración gloriosa de Sión A) Restauración humana 1 Berra leda ti, estéril, a que non deches a luz, rompe en aclamacións, exulta ti, a que non sentiches as dores do parto, porque os fillos da abandonada serán moitos máis cós fillos da casada dixo o Señor. 2 Alonga o espazo da túa tenda, estende as cortinas das túas moradas, non te negues; alonga as túas cordas, afinca as túas ferraxes, 3 que terás que estenderte para a dereita e para a esquerda, pois a túa descendencia herdará nacións e volverá habitar cidades arrasadas. 4 Non teñas medo, que non te avergonzarás, non teñas vergonza, que non terás que ruborizarte, pois esquecerás a vergonza da túa mocidade, e do oprobio da túa viuvez non te lembrarás máis. 5 Pois velaí o teu Facedor, o teu Creador, Señor Todopoderoso é o seu nome. Certo que o teu Redentor é o Santo de Israel, chámase Deus de toda a terra. 6 Si, o Señor chamoute coma a esposa abandonada e aflixida no espírito, e coma a esposa da xuventude, que de certo foi rexeitada; o teu Deus díxoche: 7 "Durante un pouco tempo abandoneite, pero con inmensa compaixón recollereite. 8 Por un arrebato de ira escondín a miña cara de ti algún tempo pero con amor eterno teño compaixón de ti —dixo o Señor, o teu Redentor—. 9 Si, nos días de Noé aconteceume isto: xurei que as augas de Noé non volverían cruzar sobre a terra, así tamén xurei que non me enfadaría contra ti nin te ameazaría. 10 Pois os montes moveranse e os outeiros abanearán, pero o meu amor non se moverá de onda ti e a miña alianza de paz non cambaleará —dixo o Señor, que ten compaixón de ti—. B) Restauración material 11 Aflixida, azoutada polos ventos, non es compadecida. Olla que eu asento con cordel de color as túas pedras e ciméntote con zafiros. 12 Asento as túas torres con rubís, e as túas portadas con pedras de cuarzo. Toda a túa muralla con pedras preciosas. 13 Todos os teus fillos son discípulos do Señor, e mestres da paz son os teus fillos, 14 estabas ben afincada na xustiza. Gárdate lonxe da opresión. Non teñas medo! E lonxe do terror. Que a ti non se arrime! 15 Se alguén te atacase, non o fará da miña parte, quen te atacase, caerá por causa túa. 16 Olla: eu creei o ferreiro que sopra nos carbóns do lume, e fabrica ferramentas para o seu traballo; pero eu tamén creei o Destrutor para arruinar. 17 Toda arma que se faga para ir contra ti, non terá éxito, e toda lingua que se levante contra ti no tribunal, ti probarás que é culpable. Este é o quiñón da herdanza dos servos do Señor. Si, a xustiza deles vén de min, —é o Señor quen fala—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)