Isaías 53 - Biblia SEPT1 Quen creu o que lle dixemos? A quen se lle revelou o brazo do Señor? 2 El subiu coma tenro gromo na súa presenza, coma raíz en terra reseca. Non tiña beleza nin esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. 3 Desprezado, o máis rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprecio. 4 El cargou coas nosas dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido, castigado por Deus e aflixido. 5 Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades. O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el, a súa ferida foi a nosa curación. 6 Todos nós coma rabaño andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós. 7 Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Foi levado coma unha res á matanza, e, coma ovella muda ante o tosquiador, non abriu a súa boca. 8 Foi levado cun xuízo perverso, ninguén se preocupou da súa vida. El foi arrincado do mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. 9 Puxeron a súa sepultura entre os malvados, e a súa tumba entre os ricos, aínda que non cometeu violencia, nin houbo fraude na súa boca. 10 O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento: Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado. Pero el verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación do Señor. 11 Polos traballos da súa vida verá a luz, alcanzará a sabedoría. O Xusto volverá xusto o seu Servo para o ben de moitos e as iniquidades destes el soportará. 12 Por isto repartirei con el xunto cos grandes, e cos poderosos terá parte no botín, porque entregou a súa vida á morte e foi contado cos malvados. Si, el foi o que cargou co pecado de moitos e fai a intercesión polos malvados. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)