Isaías 52 - Biblia SEPTAnuncio da liberación 1 "Esperta, esperta, revístete do teu poder, Sión!; viste os teus vestidos de esplendor, Xerusalén, Cidade Santa!, que non seguirán entrando en ti nin incircunciso nin impuro. 2 Sacude o po, levanta, Xerusalén cativa!" 3 Así fala o Señor: "fostes vendidos de balde: sen prata seredes redimidos". 4 Así fala o Señor Iavé: "nun principio o meu pobo baixou a Exipto para vivir alí coma emigrante, e logo Asiria oprimiuno por nada. 5 Pois ben! Quen son eu aquí —é o Señor quen fala— para que se me colla ó meu pobo sen máis, e os seus dominadores berren triunfantes —é o Señor quen fala— e se ande a desprezar decote o meu Nome? 6 Por isto o meu pobo recoñecerá de certo o meu Nome naquel día, cando eu diga: Aquí estou!" Anuncio da boa Nova: o teu Deus reina 7 Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas, que anuncia a fartura, que proclama a felicidade, que pregoa a salvación, que di: Sión, o teu Deus reina! 8 Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo: "Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión". 9 Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén, que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén. 10 O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de todos os pobos, e todos os confíns da terra viron a salvación do noso Deus. 11 Apartade, apartade, saíde de aí, non toquedes cousa impura. Saíde do medio dela, mantédevos limpos, os que levades os vasos do Señor. 12 Non saiades de présa nin marchedes á escapada, que diante de vós camiña o Señor, e a vosa retagarda é o Deus de Israel. Cuarto poema do Servo de Iavé 13 Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo. 14 A grande multitude quedará abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home, a súa figura non parecía a dun fillo de Adam. 15 Pero agora fará conmover a pobos numerosos: por causa del os reis pecharán a súa boca, porque contemplarán o que nunca se lles contou, e comprenderán o que nunca escoitaron. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)