Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 51 - Biblia SEPT


Liturxia da consolación de Sión. Chamada á confianza no poder salvífico do Señor

1 Escoitádeme os que procurades a xustiza, os que buscades o Señor. Ollade para o penedo de onde fostes tallados e para o pozo de onde fostes escavados.

2 Ollade para o voso pai Abraham e para Sara, a que vos deu a luz. El era un só cando o chamei, pero bendicino e multipliqueino.

3 Cando o Señor console a Sión e a todas as súas ruínas, fará do deserto coma o Edén e da estepa coma o xardín do Señor, contento e ledicia haberá nel, acción de grazas e son de cántigas.


A miña salvación durará para sempre

4 Aténdeme, pobo meu! Poboación miña, escóitame!: unha lei sae de onda min, e a miña sentencia será a luz dos pobos.

5 Poño en movemento a miña pronta vitoria, sae a miña salvación e o meu brazo xulgará os pobos. En min porán a esperanza as nacións costeiras, e esperarán no meu brazo.

6 Levantade os vosos ollos cara ó ceo, e ollade para a terra que está abaixo, pois o ceo esvaecerá coma fumareda, e a terra cambiará coma un vestido: os seus habitantes morrerán coma mosquitos, pero a miña salvación durará para sempre e a miña xustiza non decaerá.

7 Escoitádeme os que coñecedes a xustiza, pobo que tes a miña revelación no teu corazón: Non lle teñades medo ó desprezo dos homes, cos seus insultos non estarrezades,

8 o carbuncho comeraos coma a un vestido, e a traza devoraraos coma a lá, pero a miña xustiza durará sempre, e a miña salvación por xeracións de xeracións.


Súplica ó poder do Señor e resposta

9 Esperta, esperta e revístete de poder, brazo do Señor! Esperta coma nos días de antes, coma nas xeracións eternas. Acaso non fuches ti quen matou a Ráhab, e acoitelou ó Dragón?

10 Acaso non fuches ti quen secou o Mar, as augas do grande Abismo, que converteu o profundo do mar nun camiño, para o paso dos redimidos?

11 Si, os rescatados do Señor volverán e entrarán en Sión con xúbilo. Haberá ledicia eterna sobre as súas cabezas, invadiraos o xúbilo e a alegría; o tormento e os suspiros xa fuxiron.


Eu, Iavé, son o que te consola

12 Eu, eu son quen te consola. De que terás medo ti? Dos homes? —Morrerán. Do fillo do home? —Non é máis ca herba.

13 Esquecícheste do Señor, o teu creador, o que estendeu o ceo e fundamentou a terra, por isto estiveches estarrecido todo o día, pola furia do opresor, cando se decidiu a arrasar. Pero onde está a furia do opresor?

14 O preso será librado axiña: non morrerá no pozo nin lle faltará o seu pan,

15 pois eu son o Señor, o teu Deus, que axito o mar de xeito que braden as súas ondas. —Señor dos Exércitos é o meu nome—.

16 Si, puxen as miñas palabras na túa boca, e cubrinte coa sombra da miña man; desde que plantei o ceo e fundamentei a terra, díxenlle a Sión: "O meu pobo es ti".


A copa da ira do Señor pasa agora ós seus inimigos

17 Esperta, esperta, levántate, Xerusalén!, que xa bebiches da man do Señor a copa da súa ira: da borracheira, xa a bebiches ata o fondo.

18 Entre todos os fillos que deu a luz, non hai quen a guíe. Entre todos os fillos que ela criou, non hai quen a colla pola man.

19 Estas dúas cousas acontecéronche: Quen se doía de ti? Saqueo e caída, fame e espada. Quen se doía de ti?

20 Os teus fillos non tiñan forzas, caeron nos cruces de todas as rúas, coma o antílope na rede do cazador, esmagados pola ira do Señor, pola furia do teu Deus.

21 Por isto, escoita ti, aflixida e borracha, aínda que non de viño.

22 Así fala o teu Señor, Iavé, o teu Deus que se querelaba co seu pobo: "Velaí: xa collín da túa man a copa da borracheira, non seguirás bebendo o cáliz da miña ira,

23 pois o puxen na man dos que te aflixiron, dos que che dixeron a ti mesmo: Tómbate para que pasemos, pon o teu lombo como a terra, como a rúa para os que pasen".

Lean sinn:



Sanasan