Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 50 - Biblia SEPT


Castigo e salvación

1 Así fala o Señor Deus: "Onde está esa acta de divorcio da vosa nai, a quen eu despedín? Quen dos meus prestamistas foi aquel a quen vos vendín? Polas vosas iniquidades fostes vendidos, polas vosas rebeldías foi despedida a vosa nai.

2 Por que cando eu cheguei non había ninguén e cando chamei ninguén respondeu? Acaso é a miña man demasiado curta para non rescatar? Acaso non hai en min forza para liberar? Cando eu brúo, fago secar o mar, converto os ríos nun deserto, feden os peixes por falta de auga e morren coa sede.

3 Eu vestirei o ceo de escuridade, e poreille unha cuberta de saco".


Terceiro canto do Servo de Iavé: desprezado e maltratado, pero seguro da axuda do Señor

4 O Señor Deus concedeume lingua de discípulo, para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá. El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.

5 O Señor Iavé abriu o meu oído, e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

6 Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba. Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

7 Pero o Señor axudarame, por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante, pois sei que non me avergonzarei.

8 O que defende a miña causa está cerca. Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade? Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.

9 O Señor Iavé axudarame: quen será o que me declare culpable? Velaí: todos eles se gastarán coma un vestido, serán comidos pola traza.

10 Quen de entre vós respecte o Señor, que escoite a voz do seu servo, pois camiña na escuridade e non hai claridade para el, pero confía no Nome do Señor e apóiase no seu Deus.

11 En cambio todos vós estades prendendo o lume, rodeádelo de tizóns. Camiñades co resplandor do voso lume e cos tizóns que prendestes. Da miña man provén isto para vós: deitarádesvos nun lugar de sufrimentos.

Lean sinn:



Sanasan