Isaías 48 - Biblia SEPTAnuncio profético da liberación de Xacob 1 Escoitade isto, casa de Xacob, os que se chaman co nome de Israel e saíron do sangue de Xudá, os que fan o xuramento polo nome de Iavé e nomean o Deus de Israel, sen verdade e sen xustiza. 2 Chámanse a si mesmos co nome da cidade santa e apóianse no Deus de Israel, que ten de nome Señor Todopoderoso. 3 As cousas pasadas hai tempo que volas manifestei, da miña boca saíron e fíxenas oír, realiceinas en seguida, e aconteceron. 4 Xa me decatei de que ti es obstinado, a túa testa é un nervio de ferro, a túa fronte é de bronce: 5 por isto fíxencho coñecer desde antigo; antes que sucedese, fíxencho oír, non fose que dixeses: "Fíxoo o meu ídolo, ordenárono a miña imaxe e a miña talla". 6 Ti oíches: "Ollade todo isto". E como é que non o destes a coñecer? Desde agora fareiche oír cousas novas, encubertas, que antes non coñecías. 7 Agora —non antes— son creadas: antes de hoxe non as oíches; se non, dirías: "Certo que as oín". 8 Non, non as oíches, non as coñeciches: nunca as escoitou o teu oído, pois ben sei que ti es un grande traidor, a quen se chama "Rebelde desde o seo da nai". 9 Por causa do meu Nome, refreei a miña ira ante ti, contívenme por mor da miña gloria, para non te facer desaparecer. 10 Velaí: refineite, pero non coma a prata; purifiqueite no forno da aflición. 11 Por min, fágoo por min, porque cómo se vai profanar a miña gloria, que a ningún outro darei? 12 Escoitame, Xacob; Israel, por quen son invocado. Eu son o Señor, eu son o Primeiro e tamén o Derradeiro. 13 A miña man cimentou a terra e a miña dereita estendeu o ceo; chámoos eu, e ámbolos dous comparecen. 14 Xuntádevos todos vós e escoitade: quen entre eles fixo coñecer estas cousas? O Señor, movido polo seu amor, fai o que quere con Babilonia, e tamén cos caldeos, coa forza do seu brazo. 15 Eu fixen vir a aquel a quen chamei e lle falei, terá éxito nos seus plans. 16 Achegádevos a min e escoitade isto: nunca desde o principio falei en secreto; e desde o tempo en que aquilo sucedeu, eu estiven alí. Agora o Señor Iavé envioume tamén o seu Espírito. 17 Así fala o Señor, o teu Redentor, o Santo de Israel: Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito, quen te fai camiñar polo camiño por onde debes ir. 18 Oxalá tiveses feito caso dos meus preceptos: entón a túa prosperidade sería coma un río, e o teu triunfo coma as ondas do mar, 19 A túa descendencia sería coma a area, e o froito das túas entrañas como os grans da area. Non se acabaría nin desaparecería o teu nome da miña presenza. 20 Saíde de Babilonia, fuxide de onda os caldeos, con berros de xúbilo manifestade isto, facédeo oír, levádeo ata o cabo da terra, dicide: o Señor redime ó seu servo, Xacob, 21 e os que marchen polos sequeiros non terán sede: fará brotar para eles augas do penedo, fenderá un penedo e correrán augas. 22 Para os impíos —dixo o Señor— non haberá fartura. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)