Isaías 46 - Biblia SEPTPolémica contra os ídolos: só Iavé é o Señor 1 Caeu Bel, derrubouse Nebó: foron os ídolos deles. As cousas que vós portabades en alto son levadas por bechos e animais, son carga para un animal cansado. 2 Derrubáronse e caeron a un tempo, non foron capaces de salvar a quen os levaba. Si, eles mesmos van á catividade. 3 Escoitádeme, casa de Xacob, e todo o que queda da casa de Israel, vós que fostes levados desde o ventre, vós que fostes levantados desde o útero: 4 eu son quen vos leva ata a ancianidade, quen vos levantará ata a vellez. Eu fíxeno e eu seguireino a facer. Si, levareivos e salvareivos. 5 A quen me igualaredes e compararedes? A quen me asemellaredes coma a un igual? 6 Algúns sacan ouro da bulsa e pesan a prata na balanza, e páganlle ó ourive para que ó seu xeito faga un deus, próstranse ante el, e adórano. 7 Levántano no ombreiro, e lévano; póñeno no seu lugar, e está firme no seu santuario, e non abanea. Algún clama cara a el, pero non responde, non o libra da súa angustia. 8 Lembrádevos disto e animádevos, rebeldes; facede volver isto ó corazón. 9 Lembrádevos das cousas primeiras desde antigo: de que eu son Deus e non hai outro, de que son Deus e non hai coma min. 10 Eu son quen manifesta desde o principio o que ha vir; desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron. Eu son o que digo: o meu plan manterase firme, realizarei canto decidín. 11 Eu son quen chamo do nacente unha aguia, da terra afastada ó home do meu plan. Si, díxeno, e farei que suceda; planeeino, e cumprireino. 12 Facédeme caso vós, duros de corazón, que estades lonxe da xustiza: 13 Eu aproximo a miña xustiza, que non está lonxe, e a miña salvación, que non tardará. Si, eu poño en Sión a salvación, en Xerusalén o meu esplendor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)