Isaías 44 - Biblia SEPTAutorrevelación de Deus a través da historia salvífica, e polémica antiidolátrica 1 Agora, pois, escoita, Xacob, meu servo; Israel, a quen eu escollín. 2 Así fala o Señor, que te creou, e que te formou, quen desde o seo te vén axudando: "Non teñas medo, meu servo Xacob; Iexurún, a quen eu escollín, 3 porque eu verterei auga sobre o sedento, e regueiros sobre a reseca. Verterei o meu espírito sobre a túa descendencia, e a miña bendición sobre os teus xermolos, 4 e brotarán coma entre xuncos, como os amieiros xunto ás correntes de auga. Este dirá: Eu son do Señor; e aquel chamarase co nome de Xacob; 5 este escribirá na súa man: Pertenzo ó Señor; e será titulado co nome de Israel". 6 Así fala o Señor, Rei de Israel, o seu Redentor, o Señor dos Exércitos: "Eu son o Primeiro, e tamén o Derradeiro; non hai outro Deus fóra de min. 7 Quen é coma min? Que o diga, que o manifeste e que se compare comigo, porque eu establecín un pobo eterno e cousas que han vir: comprenderano cando cheguen. 8 Non teñades medo nin pavor. Acaso non volo fixen oír e volo manifestei desde entón? Vós sodes as miñas testemuñas: hai acaso un Deus fóra de min? Non, non hai Penedo: eu non o coñezo". Sátira contra a fabricación de ídolos 9 Os escultores de ídolos, todos eles, son nada: para nada serven as súas cousas preciosas. Si, eles mesmos son testemuñas, pero non o queren ver nin recoñecer, porque se avergonzarían. 10 Quen esculpiu un deus e fundiu un ídolo, sen esperar unha ganancia? 11 Velaí: todos os seus devotos avergónzanse, ós seus artistas sáenlles as cores. Xúntanse todos, fican quedos, atérranse, avergónzanse. 12 O artista corta o ferro co cicel, quéntao co carbón; co martelo dálle forma, trabállao coa forza do seu brazo. Por veces ten fame e non ten forza; non bebe auga e está canso. 13 Corta madeira, estende o cordel, fai unha marca co lapis, trabállaa coa garlopa, logo trázaa co compás, e faina á semellanza dun home, conforme a fermosura dun humano, para que habite no templo. 14 Si, corta para si uns cedros ou colle un toro de aciñeira ou de carballo, déixao endurecer entre as árbores do bosque, e planta no seu lugar un cedro que a chuvia fará medrar. 15 A madeira sérvelle ó home para queimar, colle parte dela e acende o lume; quenta o forno e coce o pan. Tamén pode traballar un deus e prostarse ante el, pode facer un ídolo e adoralo. 16 A metade da árbore quéimaa no lume, sobre a outra asa carne, come o asado e fártase. Tamén se quenta e di: "Ah, quéntome, vexo o resplandor!" 17 O que lle sobra é para un deus, fai o seu ídolo, adórao e próstrase ante el, rézalle ó seu deus e dille: "Sálvame, que ti es o meu deus". 18 Non saben nada nin entenden, están ofuscados; os seus ollos non ven, e a súa mente non pensa. 19 Non medita, non ten saber nin intelixencia ó dicir: "Queimo a metade no lume, e sobre as súas brasas cozo o pan, aso a carne e cómoa, e do resto del fago algo abominable: adoro a póla da árbore". 20 A quen mancha a cinsa, engánao o corazón e extravíao: non porá a salvo a súa vida, pois non pode recoñecer: "O que teño na miña dereita é unha mentira" Chamada a converterse ó Deus Salvador 21 Lémbrate de Deus, Xacob; Israel, ti es o meu servo: eu te formei, o meu servo es ti, Israel: non te esquezas de min. 22 Fixen desaparecer as túas rebeldías coma unha nube, e como a néboa espesa os teus pecados. Convértete a min, que eu son o teu Redentor. 23 Xubilade, ceos, porque o Señor actuou; gritade alegres, profundidades da terra. Montes, estalade de ledicia: o bosque e toda árbore que hai nel, porque o Señor redime a Xacob, vai mostrar a súa gloria en Xerusalén. O Deus creador e Señor da historia presenta a Ciro 24 Así fala o Señor, o teu Redentor, o que te formou desde o seo. Eu son o Señor que o fago todo: estendo o ceo eu só e expando a terra. Quen está comigo? 25 Frustro os sinais dos agoireiros e volvo loucos os adiviños, fago volver para atrás os sabios e converto a súa ciencia en tolemia. 26 El fai firme a palabra do seu servo, e completa o plan dos mensaxeiros. Di: "Xerusalén, serás habitada; cidades de Xudá, seredes reedificadas, que volverei levantar as súas ruínas". 27 Di: "Océano, seca; vou secar os teus ríos". 28 Di: "Ciro é o meu pastor, cumprirá todos os meus gustos, anunciando:Xerusalén, serás reedificada; templo, serás cimentado". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)