Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 43 - Biblia SEPT


O plan salvífico e de autorrevelación de Deus

1 Pois agora, así fala o Señor, o teu creador, Xacob, o que te formou, Israel: "Non teñas medo, que eu son o teu redentor; impóñoche o meu nome: ti es meu.

2 Cando pases a través das augas, eu estarei contigo; cando pases a través dos ríos, non te engulirán. Cando pases a través do lume, non te queimarás; cando pases por entre as chamas, non prenderán en ti.

3 Porque eu son o Señor, o teu Deus, o santo de Israel, o teu salvador. Porei a Exipto de expiación túa; a Cux e a Sebá poreinos no teu lugar.

4 Porque ti fuches ben querido ós meus ollos; fuches glorificado, o meu predilecto; e por isto, farei que a humanidade expíe no teu lugar; e que os pobos paguen pola túa vida.

5 Non teñas medo, que eu estou contigo: traerei desde o nacente a túa descendencia, e desde occidente xuntareite,

6 direille ó Norte: Dámos, e ó Sur: Non os reteñas: tráeme os meus fillos desde lonxe, e as miñas fillas desde o cabo da terra,

7 todo o que se chama co meu Nome, e todo o que creei para a miña gloria, pois eu o formei e o fixen".

8 Que saia un pobo cego, pero con ollos; xordo, pero con oídos.

9 Os pobos todos xúntanse a un tempo, e congréganse as nacións. Quen entre eles dá a coñecer isto e nos fai oír as antigas predicións? Que presenten testemuñas e xustifiquen a súa postura, que se oia e se teña que dicir: "É verdade!"

10 Vós sodes as miñas testemuñas —é o Señor quen fala—; si, o meu servo que eu escollín, para que me coñezades e creades en min, e para que recoñezades que só eu son. Antes de min non foi formado ningún deus, e despois de min non existe ningún.

11 Eu, eu son o Señor, e fóra de min non hai outro salvador.

12 Eu anuncieino e púxeno a salvo, fíxeno oír e non fun un estraño entre vós, e vós sodes as miñas testemuñas —é o Señor quen fala—, mentres eu son Deus.

13 Si, desde hoxe eu seguireino sendo, e ninguén estará desprotexido da miña man. O que eu realizo, quen o fará cambiar?

14 Así fala o Señor, o voso Redentor, o santo de Israel: "Por causa vosa envíoo contra Babilonia e farei caer todos os seus ferrollos; en canto ós caldeos, transformarei con lamentacións os seus berros de alegría.

15 Eu son o Señor, o voso Santo, o Creador de Israel, o voso Rei".


Actualización renovada da liberación do Éxodo

16 Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,

17 que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso. Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.

18 Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?

19 Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: non vos dades conta? Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.

20 Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz, porque porei augas no deserto, ríos no ermo, para darlle de beber ó meu pobo, ó meu escollido,

21 ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.


Careo de Deus co seu pobo, con finalidade purificadora

22 Pero ti, Xacob, non me invocaches, senón que te cansaches de min, Israel.

23 Non me trouxeches as reses para os teus holocaustos, nin me honraches cos teus sacrificios, aínda que non te obriguei a darme culto coa ofrenda, nin te carguei coa obriga do incenso.

24 Non me compraches perfumes con cartos, nin me fartaches coa graxa dos teus sacrificios; ó contrario, cos teus pecados obrigáchesme a actuar, e cansáchesme coas túas iniquidades.

25 Eu, eu mesmo, pola miña bondade son quen limpa as túas rebeldías, e dos teus pecados non me lembro.

26 Fai acordo, cando botemos as contas: cóntaos ti mesmo para probares a túa xustiza.

27 O teu pai primeiro pecou, e os teus farsantes dirixentes rebeláronse contra min,

28 por isto deshonraba eu os xefes do Santuario, entregaba Xacob á destrución e Israel ás burlas.

Lean sinn:



Sanasan