Isaías 42 - Biblia SEPTPrimeiro poema do Servo de Iavé. Oráculo salvífico 1 Velaí o meu servo, a quen teño collido da man; velaí o meu escollido no que eu me comprazo. Teño posto sobre el o meu espírito: ditaralles sentencia xusta ás nacións. 2 Non berrará, non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas. 3 Canivela fendida non a romperá, e torcida esmorecente non a apagará. Con fidelidade proclamará a xustiza, 4 non desfalecerá nin crebará ata establecer na terra a xustiza, e a súa lei, que esperan as nacións. 5 Así fala, Deus, o Señor, o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus produtos, o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela, e espírito ós que camiñan por ela: 6 Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte, e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións, 7 para que lles abras os ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos, da prisión ós que viven na escuridade. 8 Eu, Iavé, este é o meu Nome! A miña gloria a outro non lla dou; nin a miña loanza ós ídolos. 9 As antigas predicións xa chegaron, e as novas estounas a anunciar: antes de que despunten, fágovolas oír. Himno profético ó Deus salvador 10 Cantádelle ó Señor un cántico novo; a súa loanza, desde o confín da terra. Serán humillados o mar e todo o que o enche, as ribeiras e os seus habitantes. 11 Serán enaltecidos o deserto e as súas cidades, as fondas veigas onde habita Quedar. Exultarán os habitantes de Sela, berrarán ledos desde o cume dos montes. 12 Daranlle gloria ó Señor, e pregoarán nos países costeiros. 13 O Señor sae coma un heroe, coma un guerreiro excita a súa bravura, berra, bota aturuxos de guerra, contra os seus inimigos mostra o seu poder: 14 "Levo quedo desde hai moito, estou en silencio, contéñome. Coma a muller que está no parto, berro, suspiro e acaso todo ó mesmo tempo. 15 Vou asolar os montes e os outeiros, vou secar todo o seu verdor; vou converter os ríos en barrancos e vou resecar as lagoas. 16 Farei camiñar os cegos por un vieiro que non coñecen, por corredoiras descoñecidas fareinos ir. Converterei diante deles a escuridade en luz, e as revoltas do camiño en dereitura. Estas cousas fareillas; si, non os abandonarei". 17 Eles deron a volta cara atrás. Avergonzaranse os que confían nos ídolos, os que lles din ás imaxes fundidas: "Vós sodes o noso deus". Israel é o servo cego e mudo para comprender o plan de Deus 18 Escoitade vós, mudos! Fixádevos ben para ver, vós, cegos! 19 Quen é o cego, senón o meu servo? Quen é o mudo, senón o mensaxeiro que eu enviei? Quen está cego? —O meu enviado. Quen está mudo? —O servo do Señor. 20 Olla moito, pero non cumpre; abre os oídos, pero non fai caso. 21 Por amor á súa xustiza, o Señor quere engrandecer e glorificar a súa lei. 22 Pero este é un pobo saqueado e arruinado. Todos eles están pechados en covas, e presos no cárcere. Serviron de botín, e non houbo quen os librase; serviron de pillaxe, e non houbo quen dixese: "Devólveos". 23 Quen de entre vós escoitará isto, prestará atención e fará caso para o futuro? 24 Quen entregou Xacob á pillaxe e Xerusalén ó saqueo? Acaso non foi o Señor contra quen nós pecamos? Si, non quixeron camiñar polo seu vieiro nin fixeron caso da súa lei, 25 por isto o Señor verteu sobre o pobo o furor da súa ira e a súa forza de guerra, que o consumiron de todo sen que se decatase, e que prenderon nel sen que o advertisen. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)