Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 41 - Biblia SEPT


Deus suscita un xusto que trae consigo a paz

1 Gardade silencio: Eu fortalezo as nacións costeiras, as nacións renovan as forzas. Que se acerque, e falarán; reunámonos para o xuízo.

2 Quen suscita do oriente un xusto? Quen o chamará ante o seu trono? Quen lle pon diante os pobos? Quen lle somete os reis? Quen fixo as súas espadas numerosas coma o po e os seus arcos coma palla esparexida?

3 Quen os persegue, deixando paz ó seu paso, sen tocar o camiño cos seus pés?

4 Quen obrou e fixo isto? O que convoca á existencia ás xeracións desde un principio. Eu, o Señor, o Primeiro. Tamén cos derradeiros estarei eu.

5 As nacións costeiras veno e collen medo, os confíns da terra tremen, pero acercaranse e virán.

6 Cada un axudará ó seu próximo e diralle ó seu irmán: "Ten ánimo!"

7 O tallista animará ó ourive, ó que pule co martelo, ó que malla na zafra; diralle da lámina incrustada: "Está ben", e logo aseguraraa con cravos para que non se mova.


Oráculo salvífico: eu son quen te axuda e redime

8 Ti, Israel, es o meu servo; Xacob, ti es quen eu elixín; ti es a descendencia de Abraham, que me amaba;

9 ti es quen eu collín dos confíns da terra e a quen chamei desde os seus extremos. Díxenche: "Ti es o meu servo, quen eu escollín e non rexeitei".

10 Non teñas medo, que estou contigo; non mires con medo, que eu son o teu Deus. Fortalecinte e axudeite, collinte coa miña destra vitoriosa.

11 Velaí: avergonzarán e serán aldraxados todos os que rabiaban contra ti, serán coma nada e perecerán os homes que loitan contra ti;

12 buscarás e non atoparás os homes que rifan contigo, serán coma nada e nulidade os homes que guerrean contra ti,

13 porque eu, o Señor, son o teu Deus, que te collo da man dereita. Eu son quen che digo: non teñas medo. Eu son quen te axuda.

14 Non teñas medo, verme de Xacob, bichiño de Israel, Eu son quen te axuda —é o Señor quen fala—; si, o que te redime, o santo de Israel.

15 Eu convértote en carro de trilla, novo, con dentes: trillarás os montes e volveralos po, converterás os outeiros en coaño.

16 Esparexeralos, botándoos ó vento, e o vendaval espallaraos. Entón ti brincarás de ledicia por mor do Señor, alegraraste polo Santo de Israel.

17 Os pobres e os necesitados buscan auga e non a hai, a súa lingua seca coa sede. Eu, o Señor, respondereilles; eu, o Santo de Israel, non os abandonarei.

18 Abrirei regueiros nas gándaras peladas; e no medio dos barrancos, mananciais, converterei o deserto nun pozo de auga, e a terra seca en fontes.

19 Porei no deserto cedros, acacias, buxos e oliveiras, porei xuntos na estepa amieiros, olmos e cipreses,

20 para que todos vexades e saibades, para que vos apliquedes e vos decatedes de que a man do Señor fixo isto e o Santo de Israel o creou.


Polémica contra os ídolos

21 Presentade a vosa defensa, aducide as vosas probas —dixo o Rei de Xacob—.

22 Alegade e mostrádenos o que vai acontecer, mostrádenos cales foron as cousas pasadas e prestarémoslles atención. Entenderiamos as cousas futuras se anunciásedes o que ha de vir.

23 Mostrádenos o que ha de vir para o futuro, e recoñeceremos que vós sodes deuses. Facédenos, pois, algún ben ou algún mal, que todos nós vos ollaremos con respecto e terémosvos medo.

24 Velaí: non sodes ninguén, velaí os vosos feitos, que non son nada: elixirvos a vós é unha abominación.

25 Eu fágoo xurdir do Norte, e vén desde o nacente do sol; será chamado por causa do meu nome. El esmaga os nobres coma se fosen barro, o mesmo que o oleiro pisa o barro.

26 Quen o deu a coñecer desde un principio?, que o recoñeceremos. Quen desde o tempo pasado?, que lle diremos: "Este é o xusto". Non, ninguén o deu a coñecer; non, ninguén o anunciou; non, ninguén oíu os vosos ditos.

27 O primeiro é Sión: velaí fala; si, deille a Xerusalén un mensaxeiro de paz.

28 Ollei, e non había un; ollei entre aqueles, e non había quen aconsellase. Se lles preguntase, devolveríanme a pregunta.

29 Velaí, todos eles son ninguén; os seus feitos non son nada; as súas imaxes fundidas, vento e nada.

Lean sinn:



Sanasan