Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 40 - Biblia SEPT


DEUTEROISAÍAS (II Is) Poema vocacional: chamada á consolación

1 Consolade, consolade o meu pobo: —dío o voso Deus.

2 Faládelle ó corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada. Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.

3 Unha voz clama: "No deserto preparádelle o camiño ó Señor. Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus.

4 Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado; que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.

5 Pois vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único. Falou a boca do Señor".

6 Unha voz di: "Clama". El responde: "Que vou clamar!". "Toda a carne é herba; e toda a fidelidade da carne, flor do campo.

7 Seca a herba, murcha a flor, cando o alento do Señor sopra nela. (Si, o pobo é a herba).

8 Seca a herba, murcha a flor, pero a palabra do noso Deus mantense firme para sempre".

9 Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión, levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén, levántaa, non teñas medo. Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".

10 Velaí o meu Señor Iavé que chega con poder; si, o seu brazo domina. Velaí a súa paga con el, o seu xornal diante del.

11 Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo, leva ós añiños no seo e protexe os que aínda maman.


Himno á grandeza de Deus ante os ídolos; e a crise de fe do seu pobo

12 Quen mediu coa súa man a auga do mar? Quen mantén fixo o ceo coa súa palma? Quen colleu en tres puñados o po do mundo? Quen pesou os montes coa romana e os outeiros coa balanza?

13 Quen creou o espírito do Señor? Quen é o seu conselleiro, que o instrúa?

14 Con quen se aconsella para entender? Quen lle fixo coller práctica en sentenciar con xustiza? Quen lle ensinou a ciencia? Quen o instruíu no camiño da intelixencia?

15 Velaí as nacións: son coma pingotiña dentro da sella; son coma unha area na balanza. Velaí as illas, pesan coma o po.

16 O Líbano non chega para facer a queima, os seus animais non chegan para un holocausto.

17 Todos os pobos son nada en comparación con El, son considerados nada e baleiro en comparación con El.

18 Con quen asemellaredes a Deus? Que semellanza lle buscaredes?

19 Un artista fonde co metal a imaxe dun deus, logo o ourive recóbrea de ouro, ó mesmo tempo que fonde unha cadea de prata.

20 O superintendente da ofrenda escolle un pau que non podreza, busca un artista experto, para que del faga un ídolo que non se mova.

21 Non o sabedes? Non o oístes? Non se vos anunciou desde un principio? Non o entendestes desde que se fundamentou a terra?:

22 Que El reina sobre o orbe da terra, e que os habitantes da terra son coma saltóns; que el estende coma unha cortina o ceo, esténdeo coma unha tenda onde habitar;

23 que converte ós xefes en nada, aniquila os árbitros do mundo.

24 Non están aínda plantados, non están aínda sementados, aínda o seu plantón non enraizou a terra, sopra neles e secan, o vendaval levántaos coma ó coaño.

25 Con quen me asemellaredes, a quen serei comparable? —di o Santo—.

26 Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: Quen fixo esas cousas? O que fai saír con orde o exército celeste, e a todo el o chama polo nome, coa enormidade do seu poder, coa súa vigorosa forza, e non falta ningún.

27 Xacob, por que dis? Israel, por que afirmas?: "O meu comportamento está escondido para o Señor, ó meu Deus esqueceulle a sentencia ó meu favor".

28 Pero ti, non o sabes? Non o tes oído?: O Señor é Deus da Eternidade, El creou os extremos do mundo e non está canso nin fatigado, a súa intelixencia é insondable.

29 El dálle forza ó cansado, ó que non ten enerxía multiplícalle o vigor.

30 Os mozos cansan e fatigan, os atletas escolleitos tropezan e caen;

31 pero ós que teñen esperanza no Señor renóvanselles as forzas, soben con ás de aguia: corren, e non se fatigan; camiñan, e non cansan.

Lean sinn:



Sanasan