Isaías 38 - Biblia SEPTEnfermidade e curación de Ezequías 1 Naqueles días Ezequías caeu enfermo de morte, e o profeta Isaías, fillo de Amós, foi onda el para dicirlle: "Así fala o Señor: dá ordes á túa casa, que estás morrendo e non seguirás vivindo". 2 Entón Ezequías volveu o seu rostro cara á parede e rezoulle ó Señor: 3 "Ah, Señor, lémbrate por favor, de que camiñei na túa presenza con fidelidade e con corazón enteiro, e de que fixen o que está ben ós teus ollos". E chorou Ezequías con grande pranto. 4 Logo veulle a palabra do Señor a Isaías nestes termos: 5 "Vai e dille a Ezequías: así fala o Señor, Deus de teu pai David: fíxenlle caso á túa oración e ollei compracido para as túas bágoas. Eu engado sobre os teus días quince anos. 6 Librareite a ti e esta cidade do puño do rei de Asiria, e protexerei esta cidade. 7 Si, este será da parte do Señor o sinal de que cumprirá esta palabra que falou: 8 Velaí: vou facer cear a sombra os mesmos chanzos que baixou pola escaleira de Acaz: dez chanzos para atrás". Entón o sol ceou dez chanzos para atrás, os chanzos que baixara. Oración de Ezequías 9 Escrito de Ezequías, rei de Xudá, de cando estivo enfermo e reviviu da súa enfermidade: 10 Eu pensaba: teño que marchar na metade dos meus días, estou posto ás portas do Xeol para o resto dos meus anos. 11 Pensei: xa non poderei ver o Señor, o Señor que está no país da vida, xa non volverei contemplar a terra, estarei cos que moran no mundo dos mortos. 12 A miña morada éme arrancada e enrolada, coma a miña tenda de pastor. Estendín coma unha tea a miña vida, pero córtanme o urdido. Abandonáchesme desde o día ata a noite, 13 pido auxilio ata a mañanciña. Igual ca un león, alguén esnaquiza os meus ósos, desde o día ata a noite abandonáchesme. 14 Coma unha andoriña, así estou piando, arrolo coma unha pomba. Os meus ollos levantáronse cara ó Altísimo, pero o meu Señor oprimiume, cubriume de escuridade. 15 Que direi? —pensei para min—. Se foi El quen o fixo. Amareino todos os meus anos, a pesar das amarguras da miña vida. 16 Ti, Señor, estás por enriba das amarguras; volveranse felicidade, e a felicidade do meu espírito será superior a todo o que hai nelas. Si, volverasme san e farasme feliz: 17 velaí: o meu amargo sufrimento volverase felicidade. Ti mesmo preservaches a miña vida do pozo da destrución, pois botaches sobre o teu lombo todos os meus pecados. 18 Porque o Xeol non che dá grazas, nin a Morte loanza, non esperan a túa fidelidade os que baixan ó Xeol. 19 O que vive, e vive feliz, é quen te loa, o mesmo ca min hoxe. O pai ensinaralles ós fillos a túa fidelidade. 20 Señor, ti salváchesme: tocaremos as miñas arpas todos os días da nosa vida no templo do Señor. 21 Entón dixo Isaías: "Collede unha cataplasma de figos e póndella sobre o tumor, e vivirá". 22 Entón dixo Ezequías: "Cal é o sinal de que subirei ó templo do Señor?". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)