Isaías 37 - Biblia SEPTConsulta a Isaías 1 Cando o rei Ezequías viu isto, rachou os seus vestidos, cubriuse de saco e entrou no templo do Señor. 2 Logo mandou ó ministro do pazo real Eliaquim, ó escriba Xebná e ós máis vellos de entre os sacerdotes, cubertos de sacos, onda o profeta Isaías, fillo de Amós, 3 A dicirlle: "Así fala Ezequías: O día de hoxe é día de angustia, de castigo e de desprezos, pois os fillos chegan á saída da matriz e non hai forza para parir. 4 Quizais o Señor, o teu Deus, oíu as palabras do ministro do tesouro que o rei de Asiria mandou para insultar o Deus vivente e o queira castigar polas palabras que o Señor, o teu Deus, escoitou. Fai, pois, subir unha oración polo resto que aínda queda". 5 Entón os servidores do rei Ezequías foron onda Isaías, 6 e Isaías díxolles: "Así lle habedes dicir ó voso señor: Así fala o Señor: non teñas medo das palabras que oíches, coas que blasfemaron contra min os mozos do rei de Asiria. 7 Olla: eu vou pór nel un espírito, oirá un dito e volverá ó seu país; logo, no seu país, fareino caer coa espada". 8 Cando o ministro do tesouro deu a volta, atopou ó rei de Asiria facendo a guerra contra Libnah, xa que oíra que marchara de Láquix. 9 Entón oín esta mensaxe acerca de Tirhacah, rei do Alto Exipto: "Saíu a pelexar contra ti", e fíxolle caso ó dito. A continuación enviou mensaxeiros a Ezequías: Segunda embaixada de Senaquerib 10 "Así lle falaredes a Ezequías, rei de Xudá, dicíndolle: Que non te engane o teu Deus en quen ti confías, ó pensares que Xerusalén non será entregada na man do rei de Asiria. 11 Ti xa escoitaches o que os reis de Asiria lles fixeron a todos os países, entregándoos ó exterminio. E ti vaste salvar? 12 Os deuses dos pobos que meus pais arrasaron salváronse acaso? Gozán, Harán, Resef e xente de Edén que vivía en Telasar. 13 Onde está o rei de Hamat, o rei de Arpad e o rei de Lair, de Sefarvaim, de Hená e de Ivah?". Oración de Ezequías 14 Entón colleu Ezequías o escrito da man dos mensaxeiros e leuno. Logo subiu ó templo do Señor e Ezequías mesmo o estendeu diante do Señor, 15 e Ezequías rezoulle ó Señor nestes termos: 16 "Señor dos Exércitos, Deus de Israel, que tes trono de querubíns. Ti creaches o ceo e mais a terra. 17 Achega, Señor, o teu oído, e escoita. Abre, Señor, os teus ollos, e mira. Si, escoita todas as palabras de Senaquerib, coas que mandou xente para insultar o Deus vivente. 18 É verdade, Señor! Os reis de Asiria destruíron todos os países e as capitais de cada un deles, 19 e botaron no lume os seus deuses, pois eles non son deuses, senón feitío de mans do home, pau e pedra, e por isto destruíronos. 20 Pero agora, Señor, noso Deus, sálvanos da súa man e todos os reinos da terra recoñecerán que ti, soamente ti, es o Señor". Intervención de Isaías I. Oráculo contra Senaquerib 21 Logo Isaías, fillo de Amós, mandou a dicirlle a Ezequías: "Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen ti lle rezaches por causa de Senaquerib, rei de Asiria. 22 Estas son as palabras que acerca del dixo o Señor: A virxe, filla de Sión, desprézate, búrlase de ti. A filla de Xerusalén move a cabeza por detrás de ti. 23 A quen ofendiches e insultaches? Contra quen levantaches a voz e levantaches cara arriba os teus ollos? Contra o Santo de Israel. 24 Por mediación dos teus servos ofendiches o Señor, pois dicías: coa multitude dos meus carros de guerra, eu mesmo subín ó alto das montañas, ós mesmos cumes do Líbano. Cortei os troncos dos seus cedros, o máis escollido dos seus cipreses. Si, cheguei ó máis alto do seu cume, ó máis espeso da súa foresta. 25 Eu mesmo cavei e bebín augas estranxeiras, e sequei coa planta dos meus pés todos os brazos do Nilo de Exipto. 26 Acaso non oíches? Hai moito tempo que o veño facendo, desde os tempos de antes véñoo planeando, agora fíxeno chegar; e ti fuches quen arrasou: moreas de pedras que proveñen de cidades fortificadas! 27 e os seus habitantes, impotentes, aterrorizáronse e avergonzáronse; foron herba do campo, verdor das leiras, herba tenra dos tellados abrasada coa presenza do vento leste. 28 O teu reinar, o teu saír e o teu entrar das campañas militares, eu coñecino, e tamén o teu repoñerte contra min. 29 Porque te reviraches contra min e porque a túa soberbia chegou ós meus oídos, porei o meu anel de ferro no teu nariz e o meu freo nos teus beizos, e fareite volver do vieiro por onde andaches. II. Sinal salvífica para Xudá 30 Este será para ti o sinal: comeredes neste ano o que brota de seu, e o ano que vén comeredes o que volva brotar; pero no terceiro ano sementade e recollede, plantade viñas e comede o seu froito. 31 Si, os escapados da casa de Xudá que queden, volverán a enraizar por abaixo e darán froito por arriba. 32 De Xerusalén sairá un resto, o escapado do monte Sión. O celo do Señor dos Exércitos fará isto. III. Síntese dos dous oráculos anteriores 33 Velaí: así fala o Señor acerca do rei de Asiria: non volverá a esta cidade nin lanzará aquí frechas, non estará diante dela con escudos, nin levantará contra ela terrapléns. 34 Polo camiño por onde veu, volverá; pero nesta cidade non entrará —é o Señor quen fala—. 35 Eu protexerei esta cidade, salvándoa, por mor de min mesmo e do meu servo, David". 36 Entón o anxo do Señor saíu e feriu a 185. 000 homes no campamento de Asiria, e cando chegou a mañá, todos eles eran corpos mortos. 37 Entón Senaquerib, o rei de Asiria, púxose en movemento, marchou e volveu reinar en Nínive. 38 E, cando estaba prostrado en adoración no templo de Nisrok, o seu deus, os seus fillos Adramelec e Saréser matárono coa espada. Eles escaparon para o país de Ararat e logo, no seu posto, subiu ó trono o seu fillo Esar—Hadón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)