Isaías 36 - Biblia SEPTCOMPLEMENTO HISTÓRICO Ameaza de Senaquerib contra Xerusalén 1 No ano catorce do rei Ezequías subiu Senaquerib, rei de Asiria, contra todas as cidades fortificadas de Xudá, para apoderarse delas. 2 O rei de Asiria enviou o ministro do tesouro desde Láquix a Xerusalén, onda o rei Ezequías, cun grande exército. Este tomou posición xunto ó canal do estanque de arriba, no camiño do campo do bataneiro. 3 Entón saíron a xunto del o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler, Ioah, fillo de Asaf. 4 O ministro do tesouro díxolles: "Dicídelle a Ezequías: Así fala o grande rei, o rei de Asiria: Que clase de confianza é esa na que ti confías? 5 Pensaches que as meras palabras dos labios son o plan e a forza para a guerra? En quen confías, xa que te rebelaches contra min? 6 Olla, ti confías en Exipto, no apoio desa canivela rota e a quen se apoia nel penétralle a man e atravésalla; así é o rei de Exipto para todos os que confían nel. 7 Pero certo que me vas dicir: É no Señor, o noso Deus, en quen confiamos! Acaso non foi El a causa de que Ezequías retirase os seus santuarios e os seus altares dos outeiros, e de que lles dixese a Xudá e a Xerusalén: Diante deste altar habedes de prostarvos en adoración? 8 Pois ben, aposta agora co meu señor, o rei de Asiria: douche dous mil cabalos, se es capaz de pór pola túa conta soldados de equipamento sobre eles. 9 De que xeito, pois, poderás facer recuar o ataque dun só gobernador de entre os máis pequenos servidores do meu señor? É aínda pola túa confianza en Exipto e nos seus carros e cabalos? 10 E ademais, acaso subín eu a este país para arrasalo sen o consentimento de Iavé? O Señor díxome: Sube a ese país, e arrásao". 11 Entón Eliaquim, Xebná e Ioah dixéronlle ó ministro do tesouro: "Fálalles, por favor, ós teus servos en arameo, que nós entendemos, e non nos fales en xudeu ós oídos do exército que está sobre a muralla". 12 O ministro do tesouro respondeu: "Acaso o meu señor me mandou soamente onda o teu señor e onda ti para pronunciar estas palabras? Acaso as palabras non van tamén para os homes que están sentados sobre a muralla, comendo o seu propio esterco e bebendo o seus propios ouriños a canda vós?". 13 Entón o ministro do tesouro púxose de pé e berrou con grandes voces en xudeu e dixo: "Escoitade as palabras do grande rei, do rei de Asiria. 14 Así fala o rei: Que non vos engane Ezequías, que el non é capaz de salvarvos. 15 Que non vos faga confiar en Iavé dicindo: Certo, o Señor hanos salvar; esta cidade non será entregada nas mans do rei de Asiria. 16 Non lle fagades caso a Ezequías, que así fala o rei de Asiria: Facede comigo un pacto de bendición. Saíde para onda min; comede cada un da súa viña e cada un da súa figueira, e que beba cada un da auga do seu pozo, 17 Ata que eu veña e vos colla para vos levar a un país coma o voso país, terra de trigo e de mosto, terra de gran e de viñas. 18 Que non vos engane Ezequías dicindo: O Señor hanos salvar. Acaso os deuses das nacións salvaron cada un ó seu país da man do rei de Asiria? 19 Onde estaban os deuses de Hamat e de Arpad? Onde estaban os deuses de Sefarvaim? Que! Algúns deles salvaron Samaría da miña man? 20 Quen foron entre todos os deuses destes países os que puideron salvar o seu país da miña man? Será precisamente Iavé quen libre a Xerusalén da miña man?" 21 Entón eles quedaron calados e non lle responderon nin palabra, pois a orde do rei era nestes termos: "Non lle respondades". 22 Logo o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler Ioah cos vestidos rachados volveron onda Ezequías e déronlle a coñecer as palabras do ministro do tesouro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)