Isaías 35 - Biblia SEPTTransformación gloriosa de Xerusalén 1 Que se alegren o deserto e mais a terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza! Que, coma a lis, 2 floreza abundantemente, que brinque en exultante danza! Concedéuselle a gloria do Líbano, o esplendor do Carmelo e do Xarón. Eles mesmos verán a gloria do Señor, o esplendor do noso Deus. 3 Fortalecede as mans adormecidas, e ponde firmes os xeonllos que tremen. 4 Dicídelles ós de corazón tímido: "Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus. Chega a vinganza, a recompensa de Deus. Chega El mesmo, e salvaravos". 5 Entón abriranse os ollos dos cegos, e os oídos dos xordos destaparanse. 6 Entón o coxo saltará coma un corzo e a lingua do mudo cantará xubilosa. Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa: 7 A terra reseca convértese nunha lagoa, e a terra sedenta en mananciais de auga. No campo onde os chacais se tomban, a herba converterase en canivelas e xuncos. 8 Alí haberá unha calzada, unha verea, e á calzada chamaráselle Vía Sacra. Nada impuro pasará por ela: o mesmo Señor camiñará con eles, e os homes non se desviarán. 9 Non haberá alí león, e ningún animal salvaxe subirá, ningún se atopará. Por alí camiñarán os redimidos, 10 e os rescatados do Señor volverán por ela, entrarán en Sión con xúbilo, felicidade eterna sobre as súas cabezas. Conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)