Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 34 - Biblia SEPT


PEQUENA APOCALIPSE A caída de Edom, vista como xuízo de Deus sobre as nacións

1 Pobos, acercádevos a escoitar; nacións, prestade atención; escoita, terra e o que a enche; o orbe, e o que sae del.

2 A ira do Señor está contra todos os pobos, o seu noxo contra os seus exércitos, consagrounos ó exterminio, entregounos á matanza.

3 Os mortos pola espada serán tirados fóra, o fedor subirá dos seus cadáveres,

4 os montes desfanse co dó, e féndense as chairas. Velaí todo o exército do ceo: enrólase coma un rolo de escribir, e todo o seu exército cae murcho, como cae murcha a folla da viña, e coma o figo mirrado da figueira.

5 A súa espada aparece no ceo, velaí baixa sobre Edom, sobre o pobo consagrado ó exterminio, furiosa para o xuízo.

6 A espada do Señor está chea de sangue, está engraxada de sebo, do sangue de carneiros e chibos, de sebo dos riles dos carneiros. Velaí, en Bosrah, o sacrificio en honor do Señor, a grande matanza no país de Edom.

7 Si, un exército presenta búfalos, un exército de valentes presenta becerros: o seu país emborracharase co seu sangue, e o seu pobo engrosará coa súa graxa.

8 Porque é o día da vinganza do Señor, o ano das contas do xuíz de Sión.

9 Os seus regueiros serán de pez, e o seu po será xofre, a súa terra volverase brea ardente,

10 non se apagará de día nin de noite, eternamente subirá a súa fumareda, de xeración en xeración quedará unha desolación, por eternidade de eternidades ninguén cruzará por ela.

11 Collerana en posesión o pelicano e o ourizo cacho, a ibis e mais o corvo morarán nela. O seu enterrador estenderá sobre ela o cordel da Devastación, e as pedras da Nada.

12 Alí non quedará nada que se chame reino, e todos os seus príncipes terán fin.

13 O espiño medrará nos seus palacios, a estruga e mais o cardo nas súas torres. Alí estará o campo de chacais e o cercado para os pitos da avestruz.

14 Alí atacarán os gatos monteses ás hienas, e o sátiro chamará polo seu compañeiro. Tamén Lilit se establecerá alí, e dentro dela atopará lugar de acougo.

15 Alí fixo o niño a serpente agatuñadora e logo escapou, pero chocará os ovos, xuntándoos no seu escondedoiro. Tamén alí se axuntarán os voitres, cada un co seu compañeiro.

16 Buscade no libro do Señor e lede: "Ningún deles se perderá, cada un mirará polo seu compañeiro". Si, ordenouno a boca do Señor, e o seu espírito xuntounos.

17 El mesmo botou as sortes para eles, e a súa man fixo o reparto co cordel de medir, para sempre posuirán eles o país, habitarán nel de xeración en xeración.

Lean sinn:



Sanasan