Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 33 - Biblia SEPT


A liberación da Xerusalén asediada I. O saqueador é saqueado

1 Ai saqueador, ti non es saqueado! Ai traidor, a quen non traizoan! Cando ti acabes de saquear, serás saqueado; cando remates de facer traizón, traizoarante a ti!

2 Señor, móstranos o teu favor; a ti chamamos esperanzados. Serás ti a nosa forza cada mañá, a nosa salvación na hora do asedio.

3 Que co ruído das túas tropas escapen os pobos, que co ruído dos teus soldados desaparezan as nacións.

4 O botín será amoreado, como se amorean os saltóns: como ataca a lagosta saltarán eles no botín.

5 Enxalzado sexas, Señor, pois moras no máis alto. Que se encha Sión de rectitude e de xustiza,

6 e que o Señor sexa a seguridade do seu templo. O tesouro da súa salvación é sabedoría e coñecemento; a súa riqueza, o temor do Señor.


II. Xuízo contra os mensaxeiros da fartura

7 Velaí os xefes clamando polas rúas, os mensaxeiros da fartura chorando amargamente.

8 Están desertas as calzadas, o paseante da rúa non camiña, romperon a alianza, rexeitaron os garantes do pacto, non teñen respecto para ningún home.

9 O país anda de loito, está estéril, o Líbano vólvese pálido, está sen forza, o Xarón é coma un deserto, o Baxán e o Carmelo quedan espidos.

10 "Agora voume levantar —dixo o Señor—, vou estar ben alto, voume erguer.

11 Vou concibir herba e vou dar a luz palla, coma o lume o meu Espírito vaivos devorar;

12 o meu pobo será unha queima con cal, coma silvas cortadas arderá no lume.


III. O xusto librarase do castigo de Deus

13 Vós, que estades lonxe, escoitade o que eu fixen; coñecede, os que estades preto, a miña valentía".

14 Que os pecadores se estremezan en Sión, e o terror apreixe os impíos: Quen habitará entre nós nun lume devorador? Quen habitará entre nós nas chamas eternas?

15 O que se comporta con xustiza e fala o que é correcto, o que rexeita as ganancias da opresión, o que sacode a súa man para non coller subornos, o que pecha os seus oídos para non verter sangue, o que pecha os seus ollos para non favorecer a maldade.

16 Este morará no máis Alto, a Praza forte do Penedo será o seu refuxio, o seu pan seralle dado, e a súa auga estará asegurada.


IV. Canto ó Sión liberado

17 Os teus ollos verán o Rei na súa fermosura, verán a cidade remota.

18 O teu corazón contemplará unha visión terrible: U—lo que conta? U—lo que pesa? U—lo que enumera as torres?

19 Non verás un pobo estranxeiro, un pobo de lingua misteriosa de oír, de lingua burlona que non se entende.

20 Velaí Sión, a cidade da nosa solemne asemblea; os teus ollos verán Xerusalén, morada tranquila, tenda que non cambiará, os seus cravos nunca se arrincarán, nin se romperán as súas cordas.

21 Si, olla para o Maxestoso, o Señor, o noso encoro de ríos, de regos anchos ás dúas bandas: non pasará por el barco de remos, nin barco grande o poderá cruzar.

22 Si, o Señor será o noso Rexedor, o Señor será o noso lexislador, o Señor, o noso Rei, El só nos salvará.

23 As súas cordas afrouxaranse, non erguerán o mastro nin izarán a bandeira. Entón será dividido o botín, o riquísimo botín; os coxos poderán coller a súa parte,

24 quen alí reside non dirá: "Estou impedido". O pobo que resida alí quedará libre da iniquidade.

Lean sinn:



Sanasan