Isaías 32 - Biblia SEPTO rei xusto e xeneroso, ben diferente do rei louco 1 Velaí un gran rei: reinará con xustiza e príncipes gobernarán con xustos decretos. 2 Entón cada un será como un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal, coma regos de auga nun sequeiro, coma a sombra dun penedo nunha terra reseca. 3 Se os ollos dos que ven, queren ver; se os oídos dos que escoitan, queren estar atentos; 4 se a mente dos intelixentes trata de coñecer; e se a lingua dos tatexos quere falar con claridade, 5 entón ó louco non se lle volverá a chamar xeneroso, nin á súa loucura se lle chamará sabedoría. 6 Porque o louco fala loucuras e co seu corazón inventa a iniquidade, facendo sacrilexios e falando blasfemias contra o Señor, deixando baleira a gorxa do famento e negándolle a bebida ó sedento. 7 O máis íntimo da súa entraña é malo, el inventa plans para arruinar os pobres con discursos mentireiros e calumniar o necesitado no tribunal. 8 Mentres que o xeneroso planea plans xenerosos e mantense firme neles. Chamada ás mulleres para a liturxia penitencial 9 Mulleres compracentes, póndevos de pé, escoitade a miña voz. Fillas presumidas, prestade oídos ó meu dito. 10 No ano que vén, tremeredes vós, presumidas, porque desaparecerá a vendima e a seitura non virá. 11 Espantádevos, compracentes; treme ti, presumida, íspete e queda en coiros, cingue o saco sobre a cintura; 12 sobre os peitos que fan lamentación polos campos deleitosos, pola viña frutosa, 13 pola terra do meu pobo. Medran silvas e cardos en todas as casas de pracer da vila alegre. 14 Porque o pazo estará abandonado, a cidade rebuldeira quedará deserta. Ofel e Bahan quedarán para sempre baleiros, serán lugar de pracer para burros salvaxes, pasteiro de rabaños, 15 Ata que sobre vós se verta o espírito desde o alto, e o deserto se volva verxel e o verxel pareza un bosque. 16 Entón o xuízo xusto habitará no deserto e a xustiza morará no verxel; 17 o froito da xustiza será a paz, e o seu resultado vivir tranquilo e seguro para sempre. 18 Entón o meu pobo vivirá nun campo de paz, en casas seguras e en mansións tranquilas, 19 e demoucará o bosque cunha machada, e coa súa caída caerá aquela cidade. 20 Felices vós que sementaredes á beira de todas as augas, e deixaredes andar soltos os cascos do boi e do burro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)