Isaías 31 - Biblia SEPTAi contra os que poñen a súa confianza na axuda de Exipto 1 Ai dos que baixan a Exipto por axuda! Apóianse nos cabalos, confían nos moitos carros, e nos tiros de cabalos, tantísimos son!, pero non ollan para o Santo de Israel nin buscan ó Señor. 2 El é o único Sabio, que leva adiante o seu plan, e non deixa que fallen as súas palabras: levantarase contra a nación dos malvados e contra a axuda dos que cometen a iniquidade. 3 Exipto é home e non deus, os seus cabalos son carne e non espírito, por isto, o Señor estenderá a súa man; e caerá quen axuda xunto co axudado: os dous xuntos perecerán. O Señor é o protector de Sión e do seu pobo fiel 4 Díxome así o Señor: "Como roxe o león, o cachorro do león, pola súa presa, cando acode contra el o grupo de pastores, que cos seus berros non o asustan nin co seu barullo o espantan, así baixará o Señor dos Exércitos para facer guerra sobre o monte Sión, sobre o seu outeiro. 5 Coma bandadas de paxariños en voo, así botará o Señor dos Exércitos o seu escudo sobre Xerusalén, botará o escudo e salvará; estará de garda e rescatará". 6 Volvédevos a Aquel de quen tanto se apartaron os fillos de Israel. 7 Porque no día aquel cada un rexeitará os ídolos de prata e os ídolos de ouro que as vosas mans de pecado fixeron para vós. 8 Asiria caerá coa espada daquel que non é home, será devorada pola espada daquel que non é humano. Asiria andará fuxida por medo á espada e os seus mellores irán a traballos forzados. 9 O seu Penedo escapará co terror e os seus xenerais abandonarán a bandeira —quen fala é o Señor que ten o fogar en Sión, e o forno en Xerusalén.— |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)