Isaías 30 - Biblia SEPTAi contra a rebeldía idolátrica de facer alianza con Exipto 1 Ai, fillos que se rebelan é o Señor quen fala, facendo un ídolo de pau sen que isto saia de min, e vertendo metal nun ídolo de fundición, sen contar co meu Espírito, engadindo así pecado sobre pecado! 2 Sen consultar a miña boca, baixan de présa a Exipto, para buscaren refuxio no poder do Faraón e se refuxiaren á sombra de Exipto. 3 Pero o poder do Faraón volveráselles vergonza, e o refuxio á sombra de Exipto volveráselles desgraza. 4 Aínda que os seus xenerais están en Soán, e os seus mensaxeiros chegan a Hanés, 5 todos están humillados por causa do pobo, que non saca proveito para si nin axuda nin utilidade, senón a vergonza e mais o oprobio. 6 A carga das bestas de Arabia que chegou por terra de angustia e perigo, con leoas e leóns ruxintes, con víboras e serpentes voadoras, eles lévana sobre os lombos de burros, pois son as súas riquezas; sobre a xiba dos camelos levan os tesouros para un pobo do que non sacan proveito. 7 Si, Exipto é aire: va é a súa axuda, por isto deille este nome: Ráhab, "ruído—inactivo". Oráculo de xuízo de castigo, testemuñado por escrito 8 Agora vai, escríbeo nunha táboa, ven e grávao nunha lousiña, que sirva para os días futuros, de testemuña para sempre, 9 porque son un pobo rebelde, fillos traidores, fillos que non lle queren facer caso á lei do Señor, 10 que lles din ós videntes: "Non teñades visións" e ós que reciben mensaxes: "Non teñades para nós mensaxes da verdade. Comunicádenos palabras moles, tende visión de cousas agradables. 11 Apartade do noso camiño, quitade do noso vieiro, retirade de diante de nós ó Santo de Israel". 12 Por isto, así fala o Santo de Israel: "Por rexeitardes a miña palabra, confiando no tirano máis perverso, e descansando fiados nel, 13 por isto esa iniquidade estará contra vós, como unha greta nun muro alto, que alomba ameazando ruína. Cando de repente chega a súa ruptura, 14 rompe coma cacharro de oleiro, cando o escachan sen compaixón e non se atopa entre os seus anaquiños un cacho para coller lume do fogar ou para sacar auga do pozo". 15 Porque así fala o meu Señor, Iavé, o Santo de Israel: "Seredes salvados con só sentarvos á espera, a vosa forza está en quedarvos quietos e tranquilos"; pero, non quixestes, 16 senón que dixestes: "Non! Fuxiremos a cabalo!". "De verdade que fuxiredes!". "Montaremos cabalos rápidos!" "Rápidos serán tamén os vosos perseguidores!". 17 Co bramido dun só fuxiredes mil, co bramido de cinco fuxiredes: só quedará un, coma o mastro na cima do monte, coma bandeira nun outeiro. Oráculo salvífico para Xerusalén 18 Certo, o Señor está esperando mostrarvos o seu favor, o Altísimo está esperando ter compaixón de vós. O Señor é Deus da Xustiza: felices todos os que esperan nel. 19 Ai, pobo de Sión, que habitas en Xerusalén, non chores máis: o seu favor acollerá o teu berro de auxilio; cando El o escoite, responderache; 20 o Señor darache o pan na hora da angustia e auga na hora do asedio; e o que che dá a chuvia non volverá a marchar, os teus ollos volverano a ver, 21 os teus oídos escoitarán unha palabra: "Este é o vieiro, camiñade por el", cando vos desviedes para a dereita e cando vos desviedes para a esquerda. 22 Entón profanaredes o revestimento de prata dos vosos ídolos, e botaredes fóra os adornos de ouro das vosas imaxes: coma pano ensanguentado, declararédelas unha inmundicia. 23 Entón daralle a chuvia para a sementeira que sementaches na túa terra, e o gran, produto da túa terra, será abundante e gordo. No día aquel o teu rabaño pacerá en pasteiros anchos, 24 e os bois e os burros que aren a túa terra, comerán forraxe ben sazonada, aventada coa galleta e a forquita. 25 Sobre todo monte alto e todo outeiro erguido haberá auga, correrá a regos, no día da grande matanza, cando caian as torres. 26 Entón a luz da lúa será coma a luz do sol e a luz do sol será sete veces maior, cando o Señor sande a ferida do seu pobo e cure a chaga do seu castigo. Teofanía de castigo contra Asiria 27 Velaí o Nome do Señor: está chegando desde lonxe, arde o seu nariz e o seu fígado bota fume, os seus labios están cheos de carraxe, a súa lingua é coma o lume devorador, 28 A súa respiración coma un río desbordado que chega ata o pescozo: xunguirá ás nacións co xugo da destrución, un freo aniquilador estará na boca dos pobos. 29 O voso canto será como o da véspera das festas e a ledicia do voso corazón será como cando un marcha coa frauta para entrar na montaña do Señor Deus, o Penedo de Israel. 30 Entón o Señor fará oír o esplendor da súa voz, mostrará o golpe do seu brazo, co bufido do seu nariz e a chama do lume devorador, coa tempestade, a tormenta e o pedrazo. 31 Pois co pau da voz do Señor Asiria será esnaquizada: 32 cada azoute da vara con que o Señor a castigue, estará acompañado de tambores e de liras, de danzas de guerra e de ritos de loita contra ela. 33 Si, Deus preparou o Tófet contra ela, preparouno para o rei; afondou, ancheou o seu pozo, amoreou paus e lume, o alento do Señor, coma un río de xofre, prendeu lume nel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)