Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 29 - Biblia SEPT


Ai contra Ariel (Xerusalén)

1 Ai Ariel, Ariel, cidade onde acampou David! Engadide un ano a outro ano, e que as festas corran o seu ciclo!

2 Entón eu asediarei a Ariel, e haberá lamentación sobre lamentación, e Xerusalén será de verdade a miña Ariel.

3 Acamparei, aldea, arredor de ti, cercareite con campamentos e levantarei ó teu arredor obras de asedio.

4 Falarás baixiño desde debaixo da terra, e o teu falar soará apagado desde o po, a túa voz será como un espírito de debaixo da terra, e o teu falar será un rechouchío desde o po.

5 A tropa dos estranxeiros será para ti coma o po fino, coma arganas que voan será a tropa dos estranxeiros. Sucederá de repente nun abrir e pechar de ollos,

6 que serás visitada polo Señor dos Exércitos, con trono, con derrubamento e con grande barullo, con ciclón, con vento e chama de lume devoradora.

7 Coma un soño será a visión nocturna: tropa de todos os pobos facendo a guerra contra Ariel, si, todos os que loitan contra ela póñenlle sitio e asédiana.

8 Sucederá coma cando un soña que ten fame; come, pero ó espertar ten a gorxa baldeira; e coma cando un soña que ten sede: bebe, pero ó espertar está reseco e a súa gorxa sedenta. Así será a tropa de todos os pobos que fan a guerra contra o monte Sión.

9 Pasmádevos, quedade pasmados; cegádevos, quedade cegos, vós que estades borrachos, pero non de viño, cambaleades, pero non de licor,

10 porque o Señor verteu dentro de vós un espírito de sono profundo: pechou os vosos ollos, profetas; e cubriu as vosas cabezas, videntes.

11 Entón a visión de todo será para vós coma palabras dun rolo selado: cando llo dan a un que sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el di: "Non son capaz, está selado";

12 cando se pon o libro diante dun que non sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el responde: "Non sei ler".


Oráculo contra o culto formalista

13 O meu Señor dixo: "Este pobo achégase a min coa súa boca, hónrame cos seus labios, pero o seu corazón está lonxe de min: a súa adoración é un ritual de homes, algo que aprendeu.

14 Por isto, velaí: eu volverei a asombrar este pobo, facendo marabillas e prodixios: a sabedoría dos seus sabios perecerá e a intelixencia dos seus intelixentes quedará enterrada".


Ai! contra os falsos sabios, e xurdir duns novos sabios

15 Ai dos que manteñen o seu plano en lugar secreto, ben enterrado, lonxe do Señor! Ai daqueles que fan as obras na escuridade, e pensan: "Quen nos ve? Si, quen nos coñece?"

16 Perversidade a vosa! O oleiro é coma o pote que el modela? De quen a modelou dirá a obra: "El non me fixo"? Pero a criatura dixo do seu creador: "El non entende".

17 Velaí: dentro dun pouco, ben pouquiño, o Líbano converterase nun verxel e o Carmelo será considerado un bosque.

18 No día aquel os xordos oirán a lectura dun rolo e desde a escuridade e as tebras os ollos dos cegos verán.

19 Entón os pobres aínda se alegrarán máis no Señor, e os campesiños miserables brincarán de gozo polo Santo de Israel,

20 porque se acabará o tirano, desaparecerá o burlón, e todos os que intentan facer a iniquidade serán exterminados:

21 os que declaran culpable a un home con calumnia, e poñen lazos ós que deciden nas portas da cidade para botaren o inocente ó deserto.

22 Por isto así fala acerca da casa de Xacob o Señor Deus, o que redimiu a Abraham: "xa non se avergonzará Xacob, xa non virará branca a súa cara,

23 porque cando vexa no medio del os seus fillos, froito das súas entrañas, eles santificarán o meu Nome". Santificarán o Santo de Xacob e farán reverencia ó Deus de Israel.

24 Entón os de espírito extraviado coñecerán o que é ter siso, e os murmuradores aprenderán a instrución que se lles dá.

Lean sinn:



Sanasan