Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 28 - Biblia SEPT


ORÁCULOS CONTRA ISRAEL E XUDÁ Ai! contra a coroa fermosa que é Samaría

1 Ai da coroa arrogante dos borrachos de Efraím! Ai da grilanda murcha, o seu fermosísimo adorno, que está na cabeceira do seu fértil val, na cabeza dos soberbios atordados co viño!

2 Velaí o Señor poderoso e valente, coma unha tormenta de pedrazo. Coa man tirará por terra,

3 cos pés pisará a coroa arrogante dos borrachos de Efraím.

4 A grilanda murcha, o seu fermosísimo adorno, a que está na cabeceira do seu fértil val, será como un figo temperán, de antes do tempo da seitura: quen o ve cólleo, devórao sen o reter na man.

5 O día aquel o Señor dos Exércitos será a fermosa coroa e a diadema de adorno do resto do seu pobo,

6 espírito de xuízo para o que se senta no tribunal, e forza para os que retiran as tropas da porta da cidade.


Contra os profetas do templo

7 Tamén estes cambalean co viño e tropezan co licor. O profeta e o sacerdote cambalean co licor, están devorados polo viño, tropezan por causa do licor, cambalean coa bebida, beben mestura alcohólica a fartar.

8 Todas as mesas están cheas de vómito, a sucidade xa non cabe.

9 A quen lle vai ensinar a mensaxe, a quen lle vai facer comprender o que oíu? Os neniños apartados do leite? Os neniños retirados do peito?

10 Así ten que ser: b, a: ba; b, a: ba; c, a: ca; c, a: ca; un pouco alí, un pouco alá.

11 Si, con labio burlón e en lingua estraña vaille falar a este pobo.

12 Díxolles así: "Este é o lugar de descanso, facede descansar o fatigado. Este é o voso lugar de tranquilidade". Pero non quixeron facer caso.

13 Así soará para eles a palabra do Señor: "b, a: ba; b, a: ba; c, a: ca; c, a: ca un pouco alí, un pouco alá", para que anden e caian para atrás, partan o lombo e sexan cazados e collidos.


Contra as falsas seguridades das alianzas políticas

14 Por isto escoitade a palabra do Señor, xente burlona, mestres de contos para este pobo que está en Xerusalén.

15 Porque vós dixestes: "Fixemos un pacto coa Morte e co Xeol fixemos un trato: O castigo da inundación chegará, pero non nos alcanzará, porque nos refuxiamos na Mentira e nos agachamos no Engano".

16 Por isto o meu Señor Deus fala así: "Velaquí estou: poño de alicerce de Sión unha pedra; unha pedra de granito, de fundamento; unha esquina pesada, asentada polo que sabe afincar e non se apura.

17 O cordel será o dereito; a chumbada a xustiza, o pedrazo varrerá o refuxio da Mentira, as augas arrasarán o seu toco.

18 A vosa alianza coa Morte será fendida, e o voso pacto co Xeol non se manterá. O castigo da inundación chegará, e ficaredes esmagados.

19 Sempre que pase, levaravos a vós. Si, pasará de mañá en mañá, de día e de noite, e non haberá máis ca terror ó comprender a noticia.

20 Porque a cama é moi curta para se estirar, e a manta moi estreita para se envolver.

21 Pois o Señor erguerase coma o monte Perassim e moverase coma o val de Gabaón para executar a súa obra, a estraña obra súa, e para facer o seu traballo, estraño traballo o seu.

22 Pois agora non vos burledes tanto que caiades na vosa trampa, porque oín do meu Señor, o Deus dos Exércitos, unha destrución segura, decretada contra todo o país.


Parábola da sabedoría do labrego

23 Prestade atención e escoitade a miña voz, atendede e facede caso ó meu discurso.

24 Ara o labrador todos os días? Sen sementar sacha e grada a súa terra?

25 Tan só cando achanza a superficie da terra, esparexe a nichela e bota o comiño; sementa o trigo, o millo, a cebada e o centeo e a avea na beira.

26 O seu Deus instrúeo, ensínao como é debido.

27 Certo, non se trilla a avea co trillo, nin a roda do carro dá voltas sobre o comiño, senón que coa vara se varea a avea e o comiño co pau.

28 O trigo tríllase, pero non sen nunca parar, tríllase coa trilla precisa. Se o machica coa roda do seu carro e cos seus cabalos, non o trilla.

29 Isto tamén sae do Señor dos Exércitos, que dá o consello axeitado e fai grande o éxito".

Lean sinn:



Sanasan