Isaías 27 - Biblia SEPT1 No día aquel o Señor castigará coa súa espada dura, grande e poderosa, a Leviatán, a serpente fuxidía, a Leviatán, a serpente retorcida, matará o dragón que hai no mar. B) Canto á protección divina sobre a súa viña (Israel) 2 No día aquel cantádelle á viña deliciosa: 3 Eu, o Señor, son o seu gardián, regareina decote, non se castigarán as súas débedas. Protexereina de día e de noite, 4 non precisarei alpendre de garda. Quen ma encheu de silvas e espiños? Eu avanzarei en guerra contra el e consumirao o meu lume. 5 Ou, se non, que se aferre á miña protección e que faga a paz comigo, que a paz comigo faga. 6 Chega o día no que enraizará Xacob, florecerá e botará gromos Israel, e as súas vides encherán a face do mundo. A dispersión de Xacob e o seu castigo purificador 7 Dá Deus un golpe coma o que feriu a Xacob? Ou mata con puñalada, coma a dos que o feriron? 8 Axotándoos, botándoos fóra, fas o teu xuízo contra eles; espállalos por causa da súa crueldade, nun día de vento leste. 9 Con isto quedará expiada a iniquidade de Xacob, este será o seu froito, que afastará o seu pecado: cando El deixe en anacos as pedras dos seus altares, cando non se levanten imaxes de Axerah nin estelas cúlticas. Desolación da cidade inimiga 10 A cidade fortificada quedará soa, un lugar despoboado e abandonado coma o deserto, alí pacerá o xato e alí se tombará e destruirá os xermolos. 11 Cando sequen os seus xermolos, fenderanos as mulleres que anden a buscar con que prender o lume. Certo, non é un pobo intelixente, por iso o seu creador non ten compaixón del, o que o formou non ten piedade del. Volta de todos os fillos de Israel a Xerusalén 12 Sucederá no día aquel que o Señor empezará a dar paus desde o curso do Éufrates ata o regato de Exipto, e vós seredes reunidos un por un, fillos de Israel. 13 Sucederá no día aquel que se tocará cun corno grande, e virán os abandonados no país de Asiria, e os dispersados polo país de Exipto, e prostaranse diante do Señor na montaña santa, en Xerusalén. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)