Isaías 26 - Biblia SEPTA vila forte de Deus 1 No día aquel cantarase este cantar no país de Xudá: "Temos unha vila forte, El ponlle de defensa parede e muralla. 2 Abride as portas e que entre un pobo xusto, que garde a fidelidade. 3 Con plan firme ti creas a felicidade dos que confían en ti. 4 Confían no Señor para sempre, si, no Señor; o Señor é Rocha para sempre. 5 Pois abate os habitantes da altura, á cidade alta faina abaixar, faina abaixar ata a terra, déixaa estrada no po. 6 Pisarana os pés; os pés do oprimido, as pisadas do pobre". B) Salmo sapiencial - apocalíptico 7 O vieiro do xusto é a rectitude, ti achanzas o camiño dereito do xusto. 8 Camiñando nos teus xustos decretos, Señor, esperamos en ti, a nosa arela é o teu Nome e a túa lembranza. 9 O meu alento arélate de noite, o espírito nas miñas entrañas madruga por ti. Cando os teus xustos decretos se cumpren na terra, aprenden xustiza os habitantes do mundo. 10 Aínda que o malvado se vexa favorecido, non aprende a xustiza, no país da rectitude obra mal e non recoñece a grandeza do Señor. 11 Señor, a túa man está levantada, pero non a ven; que se avergoncen ó veren o celo polo teu pobo. Si, o lume destinado ós teus inimigos, consumiraos. 12 Señor, concederasnos a paz, pois todas as nosas empresas es ti quen as leva a bo termo. 13 Señor, noso Deus, señores alleos a ti mandaron en nós; pero soamente de ti nos lembraremos, do teu Nome. 14 Os mortos non vivirán, os defuntos non se levantarán. Pedícheslles contas, fixéchelos desaparecer, borraches a súa lembranza. 15 Señor, ti aumentaches o pobo, Aumentaches o pobo e engrandecícheste ti, ancheaches todas as fronteiras do país. 16 Señor, na angustia buscámoste: a angustia e a humillación foron a túa lección para nós. 17 O mesmo que a muller que está para dar a luz se retorce e berra nas dores, así fomos nós por causa da túa presenza, Señor. 18 Concebimos, retorcémonos, e damos a luz vento; pero non producimos a salvación do país, nin damos a luz reis do orbe. 19 Revivirán os teus mortos, o meu cadáver resucitará, espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po. Rosada de nacementos é a túa rosada, o Xeol dará a luz os mortos. III. A salvación chega xa A) Protección do pobo de Deus e castigo da cidade inimiga 20 Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti, escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira. 21 Porque, velaí o Señor que sae do seu santuario, para castigar a iniquidade, a débeda do que reina na cidade. A cidade descubrirá o sangue que verteu e non agachará de novo os seus asasinados. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)