Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 25 - Biblia SEPT


B) Himno á acción de Deus na transformación do seu pobo

1 Señor, ti es o meu Deus: enxálzote, loo o teu Nome, porque realizaches plans marabillosos, a túa fidelidade vén de lonxe.

2 Si, convertiches a cidade nunha morea de pedras; a fortaleza, nunhas ruínas; a cidadela dos soberbios desapareceu, endexamais non será reconstruída.

3 Por isto un pobo forte hate glorificar, a capital de pobos poderosos mostrarache o seu respecto,

4 pois fuches refuxio para o pobre, e para o miserable na súa angustia acubillo para escapar da tormenta, sombra para se librar da calor. Pois o bufido dos poderosos é como a tormenta no inverno,

5 coma forte calor na terra reseca. Acabarás co tumulto dos soberbios, coma nube espesa coa calor: o canto de triunfo dos poderosos será humillado.


O banquete do Reino de Deus

6 Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos un banquete de boas talladas, de viños anellos, carnes ben condimentadas, viños refinados.

7 Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións.

8 O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre, enxugará as bágoas de todas as caras, afastará de todo o país a vergonza do seu pobo. Si, díxoo o Señor.


II. A esperanza do crente A) A caída de Moab é signo apocalíptico

9 No día aquel dirase: "Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar. Este é o Señor, esperamos nel, gozaremos e alegrarémonos coa súa salvación".

10 Si, a man do Señor descansa sobre esta montaña; Moab será esmagada no seu sitio, coma a palla no montón de esterco.

11 O Señor estenderá no medio del as súas mans, como fai o nadador cando nada. Así humillará o seu orgullo, aínda que el erga as mans.

12 O empinado e a altura das súas murallas abaixarase, virase abaixo, será tirado por terra, estrado no po.

Lean sinn:



Sanasan