Isaías 24 - Biblia SEPTAPOCALIPSE GRANDE I. Deus fai xustiza arrasando o mundo: A) Xuízo cósmico de Deus 1 Velaí o Señor: arrasa a terra e devástaa, revolve a súa superficie e dispersa os seus habitantes: 2 Aconteceralles isto ós sacerdotes o mesmo ca ó pobo, ó servo o mesmo ca ó seu señor, á serva o mesmo ca á súa señora, a quen compra coma a quen vende, a quen presta coma a quen recibe prestado, ó debedor o mesmo ca ó acredor. 3 A terra quedará totalmente asolada e saqueada. Si, o Señor decidiu estas cousas. Lamentación polo asolamento do mundo e da cidade da nada 4 Está de loito, murcha a terra; está reseco e murcho o orbe, están resecos tanto o que está arriba coma a terra. 5 A terra está profanada baixo os pés dos seus habitantes, porque quebrantaron leis, pasaron por enriba dos preceptos, romperon a alianza eterna. 6 Por isto a maldición devorou a terra, e son culpables os que habitan nela, por isto se consomen os habitantes da terra: queda só un pequeno resto. 7 Está de loito o viño novo, murchou a viña, laméntanse todos os de alegres ilusións. 8 Acabouse o xúbilo dos pandeiros, rematou o ruído dos ledos, acabouse o son xubiloso da arpa. 9 Co canto xa non beberán viño, o licor xa non fará tusir ós que o beben. 10 Quedou asolada a cidade da nada, todas as casas quedaron pechadas, ninguén entrou nelas; 11 A lamentación polo viño resoou nas rúas, desapareceu toda a ledicia, o xúbilo da cidade foi deportado. 12 Soamente quedou na cidade a desolación, a porta está arrasada. 13 Certo, así acontecerá no medio da terra, no medio dos pobos, coma no vareo da oliva, coma nos rebuscos cando acabou a vendima. Cantos de loanza ó Deus Xusto. 14 Eles levantarán a súa voz, aclamarán a grandeza do Señor, exultarán desde o mar, 15 por isto glorificarán ó Señor no nacente do sol; nas costas do mar o Nome do Señor, Deus de Israel. 16 Desde as beiras da terra oímos alegres cantares: Gloria ó Xusto! Pero eu pensei: "Pobre de min! Pobre de min! Ai de min! Os impíos seguen cometendo maldades; si, seguen cometéndoas!". Repercusión universal da maldade humana 17 Terror, cova, trampa están sobre ti, habitante da terra! 18 E sucederá que o fuxitivo do terror caerá na cova, e quen sae do medio da cova caerá na trampa. Si, as xanelas que hai na altura féchanse e abalan os alicerces da terra. 19 Estoupando, rómpese a terra; parte en anacos, estremécese toda. 20 Cambalea a terra coma un borracho, móvese dun lado para outro, coma se fose unha tenda improvisada, pois pesa sobre ela a súa rebeldía: caerá e non se volverá a erguer. Xuízo de Deus sobre os reis e reinado de Deus en Sión 21 Sucederá no día aquel que o Señor lles pedirá contas arriba ó exército de arriba, e na terra ós reis da terra; 22 serán amoreados presos no pozo e pechados no cárcere, e despois de moitos días pediránselles contas. 23 A lúa chea virará rubia de vergonza, e o sol do mediodía quedará branco de estupor. O Señor dos Exércitos reinará no monte de Sión e en Xerusalén: e a gloria aparecerá ante os seus anciáns. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)