Isaías 23 - Biblia SEPTLamentación e senso teolóxico da caída de Tiro 1 Oráculo contra Tiro. Facede lamentación vós, barcos de Tárxix, que o porto de refuxio quedou esnaquizado. De volta do país de Kitim foille revelado isto a Tárxix. 2 Chorade, habitantes da costa, traficantes de Sidón. Os teus mensaxeiros cruzan por augas abundantes: 3 A semente de Xihor viña da colleita do Nilo, a súa ganancia era o comercio cos pobos. 4 Avergónzate Sidón, que fala o mar, o refuxio de Iam, nestes termos: "Non me retorcín de dor nin te dei eu á luz: nin criei fillos xa mozos, nin saquei adiante fillas mozas". 5 Cando pasa a noticia ós exipcios, retórcense de dor, coa noticia de Tiro. 6 Cando pasa a Tárxix, os habitantes da costa fan lamentación. 7 É isto causa de alegría para a vosa cidade que ten a orixe nos días remotos, e pés que a levarán lonxe a vivir de emigrante? 8 Quen planeou isto contra Tiro, que distribuía coroas, cando os seus comerciantes eran príncipes e os seus traficantes honrados no mundo? 9 O Señor dos Exércitos foi quen o dispuxo, para humillar o orgullo do seu esplendor, para facer desprezables a todos os nobres do mundo. 10 Pasa ó teu país, que eu lle puxen emboscada a Tárxix e xa non hai porto de refuxio. 11 A miña man estaba estendida contra Iam, fixo tremer os reinos. O Señor ordenou que a Canaán lle destruísen as prazas fortes, 12 e dixo: "non volverás a alegrarte, moza maltratada (filla de Sidón; aínda que vaias a Kitim, tampouco alí haberá descanso para ti. 13 A mesma cidade dos caldeos non será para ti. Asiria fundouna para os barcos. Ergueron as torres de asalto, arrasaron os seus castelos, volvérona unha ruína. 14 Facede lamentación, barcos de Tárxix, que o voso porto de refuxio quedou esnaquizado". A liberación de Tiro 15 Sucederá no día aquel, que Tiro quedará esquecida durante setenta anos. Pero nos anos doutro rei, ó cabo dos setenta anos, sucederalle a Tiro coma no cantar da prostituta: 16 "Colle a arpa, dálle a volta á cidade, prostituta esquecida. Toca ben a arpa, alonga o teu cantar para que sexas recordada". 17 E sucederá ó cabo dos setenta anos que o Señor visitará Tiro, e Tiro volverá a facer asúa ganancia de prostituta. Prostituirase con todos os reinos que hai sobre a superficie da terra. 18 A súa ganancia no comercio e a súa paga de prostituta consagraralla ó Señor. Non se almacenará nin amoreará, senón que a súa ganancia será para os que habitan ante a presenza do Señor: comerán e fartaranse e vestirán esplendidamente. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)