Isaías 22 - Biblia SEPTXerusalén, librada por Deus do perigo, expiará a súa iniquidade coa morte 1 Oráculo do Val da Visión. Que che pasa agora, que con todos os teus estás subido nas terrazas? 2 Está chea de ruído a cidade rebuldeira, a vila festeira. Os teus caídos non son acoitelados coa espada, nin mortos na guerra. 3 Todos os teus xefes fuxiron á vez, foron collidos co arco. Todos os que te pillaron, foron collidos xuntos, escapaban lonxe. 4 Por isto dixen: "Non olledes para min, que vou amargar con choros, non vos empeñedes en consolarme pola desolación da filla do meu pobo, 5 porque o día da confusión, do esmagamento e do escarnio vén do meu Señor, Deus dos Exércitos. No Val da Visión derrúbase unha muralla, os berros diríxense á montaña. 6 Elam levantou a alxaba, homes en carros de cabalos, Quir destapa os escudos. 7 Carros e cabalos encheron o mellor da túa barxa, tomaron posición xunto á porta, 8 e puxeron ó descuberto a defensa de Xudá". No día aquel ollastes para o arsenal da Casa do bosque, 9 vistes as brechas da cidade de David —cantas eran!— e xuntastes as augas do estanque de abaixo. 10 Contastes as casas de Xerusalén e botastes algunhas abaixo, para facer inaccesible a muralla. 11 Fixestes unha presa entre os dous muros, para a auga do estanque antigo; pero non ollastes para quen a facía, nin vistes a quen desde lonxe a ideaba. 12 No día aquel o meu Señor, Deus de Israel, fixo unha chamada ó pranto e á lamentación, a raparse e vestirse de saco. 13 Pero velaí: vós, xúbilo e ledicia: matar becerros, sacrificar reses, comer carne e beber viño. "A comer e beber, que mañá imos morrer". 14 Pero o meu Señor, Deus dos Exércitos, reveloume ó oído: "Esta iniquidade non vos será expiada ata que morrades", —díxoo o meu Señor, Deus dos Exércitos—. Caída de Xebná e subida de Eliaquim, coa conseguinte caída 15 Así falou o meu Señor, Deus dos Exércitos: "Ponte de camiño e entra onda ese mordomo, Xebná, que está á fronte da casa do rei, e dille: 16 Que tes ti aquí? A quen tes ti aquí, pois cavaches aquí unha sepultura para ti? Eu estou cavando no alto a miña sepultura, estou tallando na pedra o meu lugar de descanso". 17 Velaí: o Señor vaite estender ben estendido, valente, e logo vaite envolver, 18 vaite enrolar ben, e facerte rodar, coma unha pelota cara a un país de anchas fronteiras. Alí vas morrer, alí irán as túas gloriosas carrozas, vergonza do pazo do teu Señor. 19 Chimpareite do teu posto prominente, botareite abaixo do teu pedestal. 20 Sucederá no día aquel, que chamarei ó meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías. 21 Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguideiro e porei na súa man o teu posto de mando: será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá. 22 Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro: abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra. 23 Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro, e será trono de gloria para a casa de seu pai. 24 Colgarase nel todo o peso da casa de seu pai —ramas e follas—, todos os cacharros pequenos, desde as tazas ata os pucheiros. 25 No día aquel —é o Señor dos Exércitos quen fala— abaneará a caravilla cravada en lugar seguro, fallará e caerá, e esnaquizarase todo o peso que estaba sobre ela, porque o dixo o Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)