Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 21 - Biblia SEPT


Caída de Babilonia

1 Oráculo contra o Deserto Marítimo: Como o furacán atravesa polo sur, vindo do deserto, da terra terrible,

2 Así déuseme a coñecer unha visión cruel. O traidor está traizoando, o saqueador está saqueando: "Sube, Elam, asedia, Media, que xa acabei con toda a súa soberbia!"

3 Por isto os meus riles retórcense de angustia, apértanme dores coma as da parturiente. Retórzome polo que vin, estou estarrecido polo que oín.

4 Túrbaseme o sentido, cólleme un tremor, a mesma frescura da tardiña, tan agradable, vólveseme terror.

5 A preparar a mesa, a estender o mantel, a comer e a beber: Póndevos de pé, príncipes, untade os escudos.

6 Si, díxome así o meu Señor: "Vai e fai estar de pé ó vixiante, que dea a coñecer o que vexa.

7 Cando vexa carros, tiros de cabalos, carros de burros, carros de camelos, que espreite con atención, con moita atención".

8 Entón o vixiante exclamou: "Na vixilancia, meu Señor, mantéñome de pé durante o día, na miña garda eu estou firme todas as noites;

9 e, velaí vén: un carro, tiros de cabalos". Entón un colleu a palabra e dixo: "Caeu, caeu Babilonia, e todas as imaxes dos seus deuses esnaquizáronse contra a terra".

10 A miña malla e o froito da miña eira! O que oín de parte do Señor dos Exércitos, Deus de Israel, déivolo a coñecer.


A liberación de Dumah

11 Oráculo sobre Dumah. Alguén berra por min desde Seir: "Sentinela, que tal a noite? Sentinela, que tal a noite?".

12 A sentinela responde: "Chegou a mañanciña e tamén a noite. Se queredes preguntar, preguntade; dade a volta, vide".


A sorte das cidades e tribos árabes

13 Oráculo sobre o deserto. Entre a bouza da estepa pasade a noite, caravanas de dedanitas.

14 Levade auga ó encontro do sedento, habitantes da cidade de Temá; ofrecédelle ó fuxido o seu pan.

15 Si, foxen da presenza das espadas, da espada desenvaiñada, afástanse do arco, escapan do fragor da guerra.

16 Pois así falou o meu Señor: "Despois dun ano, día a día, toda a gloria de Quedar desaparecerá.

17 E o resto dos arqueiros, fillos de Quedar, será ben pequeno. Si, díxoo o Señor, Deus de Israel".

Lean sinn:



Sanasan