Isaías 2 - Biblia SEPTTítulo 1 Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén: Canto a Sión, morada da lei e da paz para as nacións 2 Vede: á fin dos días será creado o monte da Casa do Señor. Vede: será levantado por enriba dos montes e máis cós petoutos, xuntaranse nel todas as xentes. 3 Irán a el pobos numerosos que dirán: "Vinde, subamos ó monte do Señor, á casa do Deus de Xacob, para que nos mostre os seus camiños, e camiñemos polos seus vieiros. Vede: de Sión sairá a Lei, a Palabra do Señor sairá de Xerusalén". 4 Xulgará os preitos entre as xentes, decidirá o que é xusto entre os pobos. Coas espadas forxarán arados; coas lanzas, podas. Non levantará un pobo contra outro a espada, nin aprenderán de novo a facer a guerra. 5 Casa de Xacob, ven; vaiamos e camiñemos á luz do Señor! Himno profético ó día do Señor contra toda soberbia humana 6 Olla: vou destruír o teu pobo! Destruirei a Casa de Xacob! Está cheo de adiviños desde oriente ata os filisteos; e sóbranlle fillos de estranxeiros. 7 A súa capital está chea de prata e ouro, non teñen fin os seus tesouros. A súa cidade está chea de cabalos, os seus carros non teñen fin. 8 A súa cidade está chea de ídolos, próstranse diante da feitura das súas mans, diante do que fixeron os seus dedos. 9 Abaixaranse os homes, humillaranse os varóns, pero non os ergas. 10 Métete entre as pedras, escóndete entre o po, lonxe da presenza pavorosa do Señor, lonxe do esplendor da súa maxestade. 11 Os ollos orgullosos abaixaranse, serán dobrados os homes ergueitos, soamente o Señor será enxalzado naquel día. 12 Velaquí o día do Señor Todopoderoso: contra todo o alto e levantado, contra todo o ergueito e admirable. 13 Contra todos os cedros do Líbano altos e levantados, contra todos os carballos de Baxán. 14 Contra todas as altas montañas, contra todos os petoutos ergueitos. 15 Contra toda torre esgrevia, contra todo muro inaccesible. 16 Contra todos os barcos de Tárxix, contra todas as naves esperadas. 17 O Señor dobrará o orgullo do varón, humillará a soberbia dos homes. Enxalzarase o Señor, El só, naquel día; 18 El ocupará o lugar de todos os ídolos. 19 Entrade nas fendas dos penedos, nas gretas do xabre e da barreira, lonxe da cara do Señor, lonxe do esplendor da súa maxestade, cando El se levante para estarrecer a cidade. 20 Aquel día os homes botarán fóra os ídolos de prata, e os ídolos que fixeron co seu ouro, para adoraren toupeiras e morcegos. 21 Entrade nas fendas dos penedos e nas regañas das pedras, lonxe da cara terrible do Señor, lonxe do esplendor da súa maxestade, cando El se levante para estarrecer a cidade. 22 Deixade de tratar entre vós co home a quen esmagan o nariz: foi el quen inventou de seu o culto dos altos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)