Isaías 19 - Biblia SEPTOráculo contra Exipto 1 Oráculo contra Exipto. Velaí o Señor montado nunha nube lixeira; vai a Exipto, tremen os seus deuses por mor da súa presenza, o corazón de Exipto derrétese nos seus adentros. 2 Vou encirrar un Exipto contra o outro: faranse a guerra, cada un co seu irmán, cada un co seu veciño, cidade con cidade, reino con reino. 3 Sobresaltarase o espírito de Exipto e destruirei o seu plan, aínda que consulten ós deuses, ós bruxos, ós nigromantes e ós adiviños. 4 Entregarei a Exipto no poder de donos severos e reinará nel un rei cruel —é o Señor, Deus dos Exércitos, quen fala—. 5 Secarán as augas da corrente, o río secará e estiñará; 6 botarán fedor os canais, os brazos do río no Baixo Exipto baixarán e secarán, a canivela e o xunco murcharán. 7 As xunqueiras de onda o río e do esteiro, todos os campos da ribeira secarán e desaparecerán: non serán. 8 Suspirarán os pescadores, lamentaranse todos os que botaban o anzol no río, esmorecerán os que largaban a rede sobre a superficie da auga. 9 Os que traballaban o liño avergonzaranse, as cardadoras e os teceláns quedarán mirrados, 10 As súas tecelás andarán humilladas, e todos os que traballan por xornal estarán co ánimo abatido. 11 Que loucos están os príncipes de Soán, os sabios que aconsellan ó Faraón consellos estúpidos! Como lle poderán dicir ó Faraón: "Eu son fillo de sabios, fillo de reis orientais"? 12 Onde están, logo, os teus sabios? Que che mostren e dean a coñecer o que ten planeado o Señor dos Exércitos sobre Exipto. 13 Puxéronse loucos os príncipes de Soán, están enganados os príncipes de Nof, os príncipes das súas tribos fan descarreirar a Exipto. 14 O Señor vértelles no seu interior un espírito de confusión; por isto abanean Exipto con todas as súas obras, o mesmo que cambalea o borracho co seu vómito. 15 Deste xeito non haberá para Exipto obra que poida facer a cabeza ou o rabo, a palmeira ou o xunco. Sinais da conversión de Exipto 16 No día aquel Exipto será coma as mulleres, abaneará e tremerá ante a man do Señor dos Exércitos, que a vai mover contra el. 17 E a terra de Xudá converterase en causa de vergonza para Exipto, todo aquel que lla lembre a Exipto sentirá temor ó ver o que o Señor dos Exércitos dispuxo contra Exipto. 18 No día aquel haberá cinco cidades no país de Exipto, que falarán a lingua de Canaán, e que farán os xuramentos polo Señor dos Exércitos: a unha chamaráselle a cidade do Sol. 19 No día aquel haberá un altar consagrado a Iavé no medio de Exipto, e unha estela dedicada ó Señor ó lado da súa fronteira, 20 serviralle ó Señor dos Exércitos de sinal e testemuño no país de Exipto. Cando eles clamen ó Señor pola presenza dos opresores, o Señor mandaralles un salvador e un xefe para que os libre. 21 O Señor daráselle a coñecer a Exipto, e os exipcios recoñecerán o Señor no día aquel: daranlle culto con sacrificios e oblacións, e farán ó Señor votos, que cumprirán. 22 O Señor ferirá a Exipto con ferida curable, pois converteranse ó Señor, que se lles mostrará propicio e os curará. 23 No día aquel haberá unha calzada desde Exipto a Asiria, Asiria irá a Exipto e Exipto a Asiria, Exipto dará culto xunto con Asiria. 24 No día aquel Israel será igual ca Exipto e Asiria, será causa de bendición no medio da terra, 25 pois o Señor dos Exércitos hao bendicir nestes termos: "Bendito o meu pobo, Exipto, a obra da miña man, Asiria, e a miña herdanza, Israel". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)