Isaías 17 - Biblia SEPTContra a liga sirio-efraimita 1 Oráculo contra Damasco. Velaí Damasco: deixa de ser cidade, será unha ruína derrubada. a) Reinos de Damasco e Efraím 2 As súas cidades van ser abandonadas, unha vez arrasadas, van ser para os rabaños, que se tombarán nelas, sen que ninguén os espante. 3 Acabaránselle a Efraím as fortalezas, e a Damasco, o reino, e o resto de Aram será semellante á gloria dos fillos de Israel. —É o Señor dos Exércitos quen fala—. b) Reino de Israel 4 Sucederá no día aquel que a gloria de Xacob será humillada, o orgullo dos seus praceres quedará humillado. 5 Sucederá como cando o segador vai apreixando o trigo que está de pé, e logo o seu brazo sega as espigas. Sucederá como cando un recolle as espigas na veiga dos Refaím, 6 e soamente queda nela un resto, o mesmo que cando se varea a oliveira, e quedan dúas ou tres olivas na puntiña, catro ou cinco nas pólas que dan froito. —É o Señor, Deus de Israel quen fala—. 7 No día aquel ollará o home para o seu Creador, os seus ollos mirarán para o Santo de Israel; 8 non ollarán para os altares, obra das súas mans, nin mirarán para o que os seus dedos fixeron: símbolos de Axerah e estelas dedicadas a Baal. 9 No día aquel as súas cidades de refuxio serán coma o abandono da bouza do bosque, que queda abandonada polos fillos de Israel e vólvese unha desolación. 10 Ti esquecícheste do Deus da túa salvación, do Penedo do teu refuxio non te lembraches, por iso plantaches plantas de delicias e enxertaches pugas estranxeiras. 11 De día medra o teu plantío, e pola mañá agroma o teu enxerto, pero no intre de recoller acolleita, desaparece. Que dor incurable! 12 Ai! Ruído de pobos numerosos; será coma o ruído dos mares. Retumbar de nacións, coma o retumbar de augas poderosas. 13 Si, nacións que retumbarán como o retumbar de moitas augas. O inimigo ameázao co ruído, e foxe para lonxe, é perseguido como a muíña das montañas ante a presenza do vento, o mesmo cá poeira ante a presenza do vendaval. 14 O chegar a tardiña, velaí o terror; antes da mañanciña, xa non existe. Este é o lote dos nosos saqueadores, a sorte dos que nos queren roubar. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)