Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 16 - Biblia SEPT


Os fuxitivos moabitas participarán no reino mesiánico en Xudá

1 Mandade carneiros dos señores do país, desde o Penedo do Deserto, ó monte da filla de Sión.

2 Pois o mesmo cós paxaros espantados ou unha niñada escorrentada, serán as fillas de Moab nos vaos do Arnón.

3 Presenta ti un plan, toma unha decisión. Converte a túa sombra en noite á luz do mediodía, esconde ó fuxido, ó escapado non o descubras.

4 Que vivan contigo coma estranxeiros os fuxitivos de Moab. Serás ti a súa protección ante o devastador. Cando se acabe a opresión, desapareza o asolamento, e o asoballador desapareza completamente do país,

5 establecerase un trono de amor e reinará con fidelidade na tenda de David un que xulgue con xusto xuízo e que sexa perito na xustiza.


Desastre político e agrícola

6 Oímos falar da soberbia de Moab, da súa soberbia que vén de antigo, da súa fachenda, do seu orgullo e do seu furor, das súas lerias que non son verdade.

7 Por isto xeme Moab, todo Moab xeme, polas doces uvas de Quir Harés quéixanse os aflixidos.

8 Os campos de Hexbón están murchos e o mesmo as viñas de Sibmah: nas súas cepas selectas mallaron os señores das nacións. Chegaban ata Iazer, perdíanse no deserto, as súas vides estendíanse, cruzaban o mar.

9 Por isto vou chorar, ó mesmo tempo ca Iazer, polas viñas de Sibmah. Vouvos regar coas miñas bágoas, Hexbón e Elaleh, porque as cántigas desapareceron da túa seitura e da túa colleita.

10 Desaparecen dos campos a alegría e o xúbilo e nas viñas non se brinca de ledicia, non se danza co gozo. As uvas nas tallas xa non as pisa o viñateiro, vin desaparecer a canción da vendima.

11 Por isto as miñas entrañas tremen por Moab, coma unha arpa, e o meu interior treme por Quir Harés.

12 Verase que se esforza Moab por subir ó outeiro, intenta ir ó seu santuario rezar, pero non pode.

13 Esta é a palabra que o Señor lle falou desde antigo a Moab,

14 pero agora o Señor di así: "Dentro de tres anos, día a día coma anos de mercenario, a gloria de Moab xunto con toda a súa xente volverase desprezable, e o seu resto será pequeniño de todo e sen poder".

Lean sinn:



Sanasan