Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 14 - Biblia SEPT


Oráculo acerca da volta do desterro

1 Certo, o Señor terá compaixón de Xacob, volverá escoller Xerusalén e faraos descansar na súa terra. Estranxeiros xuntaranse con eles, e asociaranse coa casa de Xacob.

2 Eles collerán pobos e levaranos ó seu lugar; e a casa de Israel recibiraos en herdanza coma servos e servas na terra do Señor, e os que a fixeron cativa serán os seus cativos: eles dominarán os seus opresores.

3 E cando o Señor te faga descansar da túa aflición e do teu tormento e da cruel escravitude coa que fuches escravizado,

4 entoarás este canto contra o rei de Babilonia: "Como acabou o opresor, como acabou o tirano!


Reflexión acerca da morte dun tirano

5 O Señor rompeu a vara dos malvados, o pau dos dominadores,

6 que nos pobos con furor mallaba sen parar, oprimía con carraxe as nacións, perseguíaas sen sosego.

7 Xa descansa e está tranquilo todo o mundo: Exaltade con cantos de alegría!

8 Os cipreses gritan de gozo por ti, e tamén os cedros do Líbano: Desde que ti caíches xa non sobe onda nós o leñador.

9 Debaixo treme o Xeol por causa túa, proclamando a túa chegada: esperta ós defuntos, a todos os xefes do outro mundo. Fai levantarse dos seus tronos a todos os reis dos pobos.

10 Todos eles tomarán a palabra e diranche: Tamén a ti che tocou a nosa febleza e te volviches semellante a nós.

11 O Xeol fixo abaixar a túa soberbia, deu morte ás túas loucuras. Debaixo de ti hai un leito de bechos, e a túa manta son vermes.

12 Como caíches do ceo, lúa en crecente, filla da alba!; fuches abatido ó abismo, vencedor dos pobos!

13 Si, ti dicías no teu corazón: subirei ó ceo, máis alto cás divinas estrelas levantarei o meu trono. Morarei na montaña da Asemblea divina no extremo norte,

14 subirei ó máis alto das nubes, asemellareime ó Altísimo.

15 Como baixas ó Xeol, ó fondo do Abismo!

16 Os que ollen para ti, fixaranse atentamente, discorrendo: Este é aquel que fixo estremecer aterra, abanear os reinos,

17 o que converteu o orbe nun deserto e arrasou as súas cidades, o que non lles abría o cárcere ós prisioneiros?

18 Todos os reis dos pobos, todos descansan con gloria, cada un na súa tumba,

19 pero ti fuches botado lonxe da túa, coma un abrollo abominable, —cuberto de mortos atravesados a espada, botado ás pedras do Abismo—, coma cadáver tripado.

20 Non te xuntarás con reis na sepultura, xa que destruíches o teu país e acoitelaches o teu pobo. A raza dos malvados non se nomeará xamais.

21 Preparade para os seus fillos a degolación pola iniquidade de seus pais, non sexa que se levanten e tomen posesión da terra enchéndoa de cidades.

22 Levantareime contra eles —así fala o Señor dos Exércitos— e farei desaparecer de Babilonia o seu nome e o seu resto, a súa descendencia e a súa raza —así fala o Señor dos Exércitos—.

23 Convertereina en herdanza de ourizos cachos, en lameiro, e varrereina con vasoira de destrución" —así fala o Señor dos Exércitos—.


Oráculo contra Asiria

24 O Señor dos Exércitos xurou nestes termos: "Tal como o planeei, así sucederá; tal como o decidín, así se fará:

25 esnaquizarei a Asiria no meu país, esmagareino sobre a miña montaña; retirarase o seu xugo de sobre eles; o fardo, do seu ombreiro".

26 Este é o proxecto decidido sobre toda a terra, esta é a man estendida sobre todos os pobos.

27 Si, o Señor dos Exércitos teno decidido: quen o fará fracasar? A súa man está estendida: quen a fará volver atrás?


Aviso dirixido á Filistea

28 O ano da morte do rei Acaz tivo lugar este oráculo:

29 "Non te alegres, Filistea toda, de que xa rompeu a vara que te mallaba, porque da raíz da serpente sairá unha víbora, e o seu froito será un dragón voador.

30 Pero os pequenos pacerán onda min, e os pobres descansarán tranquilos, pois de fame farei morrer atúa raíz, matarei o que quede de ti".

31 Xeme, porta! Clama, cidade! Treme ti, Filistea toda! que veu do norte unha fumareda e ninguén deserta dos seus escuadróns.

32 Que se lles responderá ós mensaxeiros do pobo? —Que o Señor fundou Sión e nela poden refuxiarse os oprimidos do seu pobo.

Lean sinn:



Sanasan