Isaías 13 - Biblia SEPTORÁCULOS DE XUÍZO DE CASTIGO CONTRA AS NACIÓNS Contra Babilonia 1 Oráculo que contra Babilonia recibiu en visión Isaías, fillo de Amós. 2 No alto dunha montaña pelada, levantade a bandeira, berrádelles ben alto, movede os brazos para que entren polo portón dos nobres. 3 Mandéillelo eu ós meus consagrados, a berros convoquei ós meus valentes ante min, ós que gozan coa miña grandeza. 4 Ruído de axitación nas montañas, coma un exército numeroso. Ruído de tumulto dos reinos, dos pobos reunidos. O Señor dos Exércitos pasa revista ó exército de combate. 5 Veñen de terras afastadas, do cabo do ceo, o Señor e os instrumentos da súa ira, veñen para arrasar toda a cidade. 6 Gritade triunfantes: "Está preto o día do Señor! Xa chega a devastación do Deus Devastador!". 7 Por isto todas as mans se tornarán febles e todo proxecto humano virá abaixo. 8 Todos quedarán estarrecidos. Angustias e dores posúenos, como as dores da muller que se retorce no parto! Cada un horrorízase do seu compañeiro: as caras de ambos volveranse coma o lume. 9 Velaí chega cruel o día do Señor, velaí o arrebato e o incendio da súa ira,para converter a cidade nunha desolación, e para borrar dela o seu pecado. 10 As estrelas do ceo e as constelacións non emitirán a súa luz. O sol unha vez que saia escurecerase, e a lúa non brillará coa súa luz. 11 Castigarei o orbe pola súa maldade e os malvados pola súa iniquidade. Derrubarei a soberbia dos insolentes, e humillarei o orgullo dos que provocan medo. 12 Os homes serán máis escasos có ouro fino, a humanidade máis có ouro de Ofir. 13 Por isto o ceo tremerá e a terra moverase do seu sitio, polo arrebato do Señor dos Exércitos, polo incendio da súa ira. 14 O mesmo que a gacela espantada e o rabaño que non ten quen o xunte, así cada un se encamiñará ó seu pobo, e fuxirá cara ó seu país. 15 Todo o que encontren será atravesado, todo o que atrapen caerá pola espada; 16 os seus meniños serán estrelados ante os propios ollos, as súas casas serán saqueadas, e as súas mulleres, violadas. 17 Velaí: vou excitar contra eles os medos, que nin estiman a prata nin se compracen no ouro. 18 Os arcos dos mozos serán esnaquizados, pois non terán compaixón do froito do ventre, nin os seus ollos terán piedade dos fillos. 19 Si, Babilonia, a perla dos reinos, será adorno do orgullo dos caldeos. Si, será coma a destrución total de Sodoma e de Gomorra. 20 Non será habitada con esplendor, nin repoboada por xeracións e xeracións; ningún nómade plantará alí a súa tenda, nin os pastores deixarán descansar os seus rabaños. 21 Alí descansarán os gatos monteses e as súas casas encheranse de mouchos; habitarán alí os poliños da avestruz, e darán brincos os sátiros; 22 desde os pazos ouvearán os cans salvaxes, e os chacais desde os pazos de luxo. Si, a súa hora está próxima a chegar, os seus días non se retrasarán. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)