Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 11 - Biblia SEPT


Oráculo do Emmanuel

1 Sairá un xermolo do pé da árbore de Ixaí e un gromo brotará da súa raíz.

2 Descansará sobre el o Espírito do Señor, espírito de sabedoría e discernimento, espírito de consello e fortaleza, espírito de ciencia e temor do Señor.

3 Sentirá a súa compracencia no temor do Señor. Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme as lerias dos seus oídos.

4 Xulgará ó pobre conforme a xustiza, e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación. Castigará ó violento coa vara da súa boca, e co espírito dos seus labios matará ó malvado.

5 Será a xustiza o cinguideiro da súa cintura e a fidelidade o cinguideiro do seu lombo.

6 O lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarase co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto.

7 A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla.

8 Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.

9 Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar.


Volta dos desterrados de Israel e Xudá trala bandeira mesiánica

10 Sucederá o día aquel que a raíz de Ixaí estará ergueita de bandeira das nacións,os pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso.

11 Sucederá o día aquel que volverá o meu Señor a levantar a súa man, para redimir o resto do seu pobo, os poucos que quedaron de Asiria (e de Exipto e de Patrós, de Cux e de Elam, de Xinar, de Hamat e das illas do mar).

12 Levantará a bandeira entre os pobos, xuntará os dispersados de Israel, recollerá os esparexidos de Xudá das catro bandas do mundo.

13 Cesará a envexa de Efraím, e Xudá deixará de oprimir; Efraím xa non terá celos de Xudá, e Xudá xa non oprimirá a Efraím.

14 Correrán cara ó mar ombreiro con ombreiro contra os filisteos; xuntos saquearán ós pobos do nacente: Edom e Moab serán presa da súa man, e os fillos de Amón estarán sometidos á súa obediencia.

15 O Señor deixará seco o golfo do mar de Exipto, e moverá a súa man contra o Éufrates; co ardor do seu alento romperao en sete brazos, e fará que se poida pasar con sandalias.

16 Haberá unha calzada para o resto do seu pobo, para os que quedaron en Asiria, o mesmo que a houbo para Israel, o día que subiu do país de Exipto.

Lean sinn:



Sanasan